Opinión

De oráculos, sibilas e feirantes

Os redactores do estudo de prospectiva Estratexia España 2050, o proxecto estrela do Goberno de Pedro Sánchez, proclaman que o seu principio básico consiste en “non ir a favor nin en contra do programa de ningún partido político”, unha declaración que xa nos anticipa de que vai o documento. Trátase de non ofender a ninguén, que é tanto como dicir que se vai dar un pouco de verniz por aquí e acolá sen cuestionar minimamente as causas da crise, e menos aínda o statu quo económico-financeiro que a provoca.

Na Antigüidade, o exercicio de prospectiva máis xenuíno era o oráculo, que manifestaba a vontade dos deuses. Hoxe, ese papel téñeno asignado organismos como o Foro de Davos, encargado (en xaneiro) de trasladar os líderes mundiais os desexos e mandatos da realeza financeira que goberna o planeta. Non obstante, os redactores da Estratexia, a pesar do seu relativo prestixio académico, non parece que pasen de modestas sibilas encargadas de traducirlle á plebe a verdade revelada sen apartarse das liñas reitoras que emanan da epifanía davosiana e da súa filial IBEX-35.

Así, dedícanse a poñerlle parches a algúns dos desafíos que ten a sociedade española en diferentes ámbitos (mercado laboral, produtividade, formación, medio ambiente, inmigración, demografía, benestar...) a ver se o sistema aguanta polo menos ata 2050. O problema é que as carencias sinaladas non son máis que a manifestación externa do estado de concentración de riqueza e monopolio do poder de que gozan as elites, que non se cuestionan. Xa sorprende menos o carácter uniforme da receita, non se decatan de que España (nun plano real e mesmo formal) non é un bloque compacto, senón un mosaico de nacións e comunidades autónomas moi diferentes (social, cultural e economicamente) que, incluso nun plano reformista elemental, requiren de solucións e alternativas diferenciadas.

Pero é moi significativo, aínda que a Estratexia emana de Davos, que non faga referencia ás reflexións de poñentes, como o profesor hebreo Yuval Harari, que, sen cuestionar o actual globalismo, cita tres grandes desafíos existenciais do noso tempo: a guerra nuclear, o colapso ecolóxico e a disrupción tecnolóxica. Descartando os primeiros por seren “familiares” para a xente centrouse no terceiro nuns termos que poderiamos cualificar de moi preocupantes.

Harari cre que, no futuro inmediato, a automatización e a Intelixencia Artificial (IA) eliminarán millóns de postos de traballo imposíbeis de substituír con novos empregos, moito máis especializados e inalcanzábeis para a maioría dos traballadores cesantes, xerando unha nova “clase inútil” (?) dende o punto de vista do sistema. E conclúe: se non se distribúe o beneficio e o poder xerado pola IA a maioría dos países do planeta crebarán e converteranse en “colonias de datos explotadas”. En consecuencia, advirte contra as ditaduras de algoritmos dixitais das grandes corporacións sinalando que se “saben o suficiente de bioloxía e teñen suficiente poder de cómputo e datos, poden hackear o meu corpo, o meu cerebro e a miña vida”. 

Interesantes reflexións oraculares que os augures de Sánchez pasaron por alto.

Comentarios