xoves 28.05.2020

As oportunidades da cultura galega

O Día das Letras Galegas en confinamento, non hai mellor metáfora para retratar o abandono da nosa lingua e cultura por parte da Xunta. As consecuencias son tan dramáticas que non incorreríamos nunha hipérbole oportunista se cualificásemos esa política de xenocidio cultural. Asemade, o perigo dunha cidadela forzada a unha defensa numantina pode acabar facéndonos caer na ilusión platónica de confundir soños e realidades.

E agora, a Covid-19 está agravando esa tendencia destrutiva, co risco de abocar a esfera cultural galega a unha dimensión puramente testemuñal. Non debería sorprendernos, os gobernos neoliberais son refractarios ás culturas nacionais e ao coñecemento libre, plural e democrático. De igual modo, non soportan ben o tecido autónomo formado por ducias de editoriais e librarías esparexidas polo país adiante, en mans da sociedade civil. E esta crise de demanda de bens causada polo virus van intentar aproveitala —os profetas da globalización— para desfacerse de competidores e pequenos distribuidores e alcanzar o ansiado monopolio cultural ao servizo dun mundo banal, totalitario e unidimensional. A estratexia é dupla: económica e política.

A loita dos contrarios é a constante histórica que move o mundo, pero nada está pre-determinado, o resultado dese conflito depende das capacidades e da intelixencia dos contrincantes. Das ameazas somos máis conscientes, pero temos graves eivas á hora de captar as oportunidades que se abren nas grandes encrucilladas históricas. E a época do coronavirus (e pos-coronavirus) ofrece un feixe de oportunidades que conviña aproveitar con ilusión e afouteza. As demandas da AELG a prol do mundo editorial, das librarías e do recoñecemento social e institucional dos autores e autoras son útiles, necesarias e acertadas, pero deberiamos, todos os implicados na actividade cultural, pero tamén o conxunto do pobo galego, aproveitar a ocasión para renovar estratexias socio-culturais e canons literarios. En suma, alcanzar a normalización cultural tomando a iniciativa. Xogar á defensiva e afondar no minifundismo non é unha boa táctica, e menos neste momento en particular. Con esta crise, a tendencia social cambiou. O espellismo da globalización trocouse no eloxio do local, no prestixio e defensa do propio en cooperación cos demais, no ámbito nacional e internacional. É o momento de ir á xugular do monstro neoliberal e amosar que o rei está nu, sen roupa e ouropeis que poidan cegar a realidade. Crear unha grande corrente de activismo cultural polo país adiante, plural e diversa (coa participación dos axentes culturais, sociais e políticos), debería converterse no principal obxectivo para o espertar da nación e poñer o país diante do espello. Para dinamizar a cultura debemos comezar pola base, coma se fixo noutras épocas con grande éxito popular (o movemento agrario de finais do XIX e principios do XX, as Irmandades da Fala, o movemento asociativo-cultural de finais do franquismo, …). Ser oportuno non significa actuar para o curto prazo, senón en mobilizar —sen máis demora— todos os recursos a través dun traballo enfiado con perspectiva histórica.

comentarios