Opinión

O oráculo

Na Antiga Grecia, cando necesitaban coñecer o significado de acontecementos relevantes, consultaban as deidades para que os ilustrasen sobre o que lles ía deparar o futuro. Agora cumpren esa función determinados persoeiros —os novos augures— investidos dun aura de sabedoría, cultivada durante décadas nalgunha actividade sobresaínte. Mais sempre houbo categorías, e todo o anterior non sería bagaxe suficiente para un arúspice solvente; igual que na Antigüidade era preciso estar no lugar adecuado, no omphalós —o centro cósmico que comunicaba os mundos dos vivos, dos mortos e dos deuses—, tamén agora cómpre estar no centro, na metrópole máxima, para gozar de certa credibilidade. Ese é o caso de Henry Kissinger que, no limiar dos noventa e sete anos, aínda permanece activo no omphalós de Nova York. Nas súas longas décadas de actividade pública, como espía, conselleiro de Seguridade Nacional e Secretario de Estado, coñeceu e utilizou a fondo os engrenaxes do sistema. Tanto, que foi denunciado polo seu papel reitor na creación das ditaduras latinoamericanas dos 70. Pero de Kissinger —un estreito colaborador dos Rockefeller, membro da Trilateral e o Club Bilderberg—, non nos interesan os seus dubidosos principios morais senón a súa condición de intelectual ben informado e próximo ás elites mundiais.

O pasado tres de abril publicou un artigo de opinión no Wall Street Journal, un dos xornais de cabeceira do capital financeiro internacional xunto ao Financial Times londiniense. Estendeuse sobre a crise da COVID-19 describindo a pandemia como “atmosfera surrealista… e unha ameaza que golpea ao azar con enorme devastación”. Laiábase de que, fronte ao que ocorría ao comezo da II Guerra Mundial, os EE.UU. atopábanse divididos e necesitados dun “goberno eficiente e visión de futuro” para superar esta crise. Sinalaba que o reto é moi grande e dese éxito dependería que se mantivese “a confianza do mundo na capacidade dos estadounidenses para gobernarse”.

Ao tempo, está convencido de que esta crise é máis complexa que a de 2008, e “diferente a todo o que se coñeceu na historia da humanidade”. En consecuencia, despois do coronavirus “o mundo nunca volverá ser o mesmo” e considera urxente “a tarefa de preparar a transición á (nova) orde posterior á COVID”. E lanzou unha advertencia apocalíptica: “se ben o ataque á saúde humana será, con sorte, temporal, a axitación política e económica desatada podería permanecer por xeracións”.

Por último, considera vital “salvagardar os principios da orde mundial liberal”, reivindicando a Ilustración fronte “ás cidades amuralladas protexidas por poderosos gobernantes”, un anacronismo nun momento en “que a prosperidade depende do comercio mundial e o movemento de persoas”. En definitiva, Kissinger pensa que o mundo debe seguir sendo liberal, non concibe murallas —unha advertencia a China?—, ao tempo que propón construír un futuro diferente, “o fracaso podería incendiar o mundo”. Como en todos os oráculos, as mensaxes teñen unha carga simbólica que cómpre descifrar, pero dun individuo que deseñou o Plan Cóndor non deberiamos agardar utopías liberadoras.

Comentarios