Opinión

O novo plan forestal que vén

En 2018 publiquei no antigo Sermos unha análise do borrador da primeira Revisión do plan forestal de Galiza (RPFG). Case tres anos despois aquel borrador xa se converteu nun documento camiño da súa aprobación definitiva co suxestivo subtítulo “Cara á neutralidade carbónica”. Lino de vagar e considero que podería ser un documento bastante aproveitábel se a CMR tivese a vontade política de chegar a un acordo estratéxico, coa oposición e coas organizacións agroforestais, nos asuntos máis sensíbeis e determinantes para o futuro do monte galego.

Non obstante, como cuestión previa, debemos lamentar que nun documento destas características, na que o coñecemento preciso da situación de partida é clave para estabelecer un correcto diagnóstico e unha planificación axeitada, o inventario forestal máis recente do noso monte teña unha antigüidade de 12 anos. Nestas condicións, nun monte no que o crecemento de volume anual (13 Mm3) e a expansión (descontrolada) de especies invasoras polos incendios son feitos sobranceiros, estabelecer un Plan a cegas resulta bastante arriscado por non dicir inútil e perigoso. Tamén é certo que a súa primeira revisión quinquenal está prevista para 2025, unha data interesante porque en 2024 son as próximas eleccións autonómicas. Daquela, debería ocupar a presidencia da Xunta un candidato da actual oposición, seguramente unha nacionalista, indispensábel para endereitar a tempo a política forestal.

A segunda obxección de calado á RPFG radica en que non afronta con valentía o principal problema do monte galego: a súa estrutura forestal, caracterizada polo caos e o monocultivo de especies de alta combustibilidade. E non o fai porque os seus promotores non queren enfrontarse ao tabú do eucalipto. Se no primeiro borrador exhibían certa intención de controlar esta especie invasora con actuacións en 52.000 has de masas mixtas, no actual documento limítanas a unhas 20.000 ha. Unha cifra ridícula, moi distante das 200.000 ha de desvío sobre as previsións do PFG de 1992. Faría falta actuar sobre 10.000 ha anuais de eucaliptais puros e mixtos durante a vixencia da RPFG. O curioso é que a estratexia da RPFG viola de forma flagrante os principios básicos do propio Plan, como o fomento da biodiversidade e a multifuncionalidade, ademais de neutralizar o seu proxecto de aumentar o rendemento desta especie. Nas circunstancias actuais unha parte significativa dos eucaliptais non teñen utilidade industrial, ademais de afogar ás especies autóctonas que a Xunta declara querer salvar. Medio Rural debería ter en conta os intereses xerais dos propietarios e da sociedade galega e non só os da gran industria da madeira e do taboleiro, que sen dúbida deben ter asegurado o seu nicho no espazo forestal, pero en equilibrio coas demais actividades non madeirábeis que debe acoller con urxencia o monte galego, para ser realmente multifuncional e biodiverso.

Por último, se a Xunta aplicase na práctica o diálogo e a negociación contemplados nos principios e criterios da RPFG, buscando un amplo consenso social e político, o futuro económico e ambiental do noso monte sería moi diferente.

Comentarios