Opinión

O novo equilibrio mundial que vén

Thomas Graham, membro relevante do Consello de Relacións Exteriores, o think tank norteamericano por excelencia, acaba de sinalar nunha revista rusa de xeopolítica, que o mundo estase acercando a un punto de inflexión histórico. Segundo Graham, a orde estabelecida ao final da Segunda Guerra Mundial está nun proceso de descomposición como consecuencia dunha combinación de tres factores principais: 1) un equilibrio de poder cambiante (co progresivo desprazamento económico e militar de EUA), 2) unha crise de lexitimidade (do sistema occidental), e 3) un rápido progreso tecnolóxico (no que occidente comeza a quedar estancado).

O que nos vén dicir o politólogo estadounidense é que o período inaugurado coa caída da URSS non culminou felizmente (para eles) como estaba previsto, co trunfo incuestionábel da “democracia de mercado” e a fin da historia (Fukuyama dixit). Segundo Graham, esa estratexia “non funcionou especialmente con Rusia e a China” e, a este problema derivado da incomprensión das singularidades e lexítimos intereses desas nacións, engade dous grandes erros estratéxicos do bando occidental, como as “guerras desesperadas” (e inútiles) de Iraq, Afganistán ou Libia e a gran crise financeira de 2008. Todo ese cúmulo de circunstancias orixinaron profundas dúbidas (entre países opositores e aliados) sobre a viabilidade do capitalismo neoliberal “ao estilo estadounidense”. Ademais, como consecuencia do desgaste norteamericano, comezou a cuestionarse abertamente a lexitimidade de organismos mundiais da orde occidental coma a ONU, o Banco Mundial ou o FMI. Finalmente, o último esperpento electoral e subseguinte asalto ao Capitolio, asestou un golpe demoledor (quizais definitivo) ao maltreito liderado norteamericano.

Se ben as reflexións de Graham son bastante acertadas en canto aos síntomas da decadencia occidental non parece que o propio establishment teña tan claro a solución, movéndose na ambivalencia. Unha das primeiras decisións de Biden foi bombardear as milicias iranias en Siria, na liña da operación ordenada por Trump que acabou en Iraq co xeneral Soleimani. Porén, asinou o Start III con Rusia.

Así e todo, o máis relevante son as divisións internas na área occidental, demostrando que as diferenzas xeo-estratéxicas nese bloque non son cousa da época Trump. Por exemplo, ás esixencias da nova administración norteamericana de suspender o gasoduto Nord Stream 2 e de romper o contrato de subministro do gas ruso, Alemaña e Francia xa responderon que non aceptan tal ultimato. Un sinal moi potente de que nada vai volver ser coma antes, independentemente dos vaivéns que se produzan. En definitiva, para un novo equilibrio xeopolítico mundial resulta inevitábel unha reforma en profundidade dos organismos internacionais dándolle voto aos países emerxentes en detrimento de occidente, cun novo reparto de influencias entre China, Rusia e EUA-Reino Unido, e unha UE que deberá decidir se quere ser un actor global ou non. A influencia de cada quen variará en función de cuestións militares, económicas ou tecnolóxicas. A reforma é inevitábel, salvo que alguén queira baixar aos infernos.

Comentarios