Opinión

O novo catecismo capitalista

U nha gran parte da xente está demasiado preocupada polos problemas cotiáns, polo seu futuro e o das súas familias. Unha carga moi pesada. Igual ocorre no ámbito político, ante a urxencia dos problemas relacionados coa pandemia, os peches de empresas, o disparo dos prezos da enerxía, etc. Todo isto impide algunhas veces mirar máis alá do obvio. Non obstante, sen deixar de atender as inaprazábeis urxencias, cometeriamos un grave erro se non fósemos quen de enxergar os cambios máis sutís que se están a producir diante de nós e as súas causas máis profundas. Non se pode resolver o que non se entende ou non sabemos observar; e actuar sobre os síntomas dos problemas sociais só alivia a enfermidade (no mellor dos casos), pero non a cura.

Un dos eventos máis sorprendentes e enigmáticos da pandemia (hai varios) foi a aparición a principios do verán de 2020 do libro Covid-19: The Great Reset dirixido e co-escrito polo presidente do Foro de Davos, Klaus Schwab. Cando o coronavirus estaba aínda nos seus inicios e se descoñecían as súas características definitivas (ou iso dicían) e, moito menos, o alcance dos seus efectos, Schwab agasallounos cun traballo de prospectiva oracular que polo seu volume (máis de 300 páxinas) e detalle tivo que ser elaborado, en gran parte, antes do confinamento. Un libro de anticipación?

Este personaxe, que non foi elixido por vía democrática algunha para gobernar a vida da humanidade, non só se limitou a estudar tendencias (poucas certezas había nos primeiros meses de 2020) e posíbeis solucións, senón que se dedicou a profetizar (máis ben ditar) o que ía ser o próximo futuro. Así, sen ningún rubor. Este manual do porvir trata dos “imprescindíbeis re-inicios” económicos, sociais, xeopolíticos, ambientais, tecnolóxicos, industriais, sanitarios (e individuais) a través de corenta e tantos apartados, cunha análise tanto a nivel macro como micro. Unha biblia da nova era (a nova normalidade) que xa se está aplicando sen que ninguén nos consultase.

Baixo a aparencia dunha gran preocupación pola humanidade o que nos vai dicindo é que temos que cambiar (“debemos facelo, non hai máis remedio”) sen que se nos permita opinar nin facer a máis mínima obxección, porque todo está perfectamente estudado (incluso en detalle) e non debemos facer máis que obedecer mansamente. Aos lectores de Huxley e do seu Un feliz mundo novo resultaralles moi familiar a descrición da futura sociedade con que nos agasalla o Sr. Schwab. 

Un novo sistema social que cualifica como “capitalismo das partes”, un concepto sacado (tamén) da esfera empresarial, referido aos intereses de grupo, non da humanidade. Xa non existe unha sociedade de individuos iguais en dereitos (Carta da ONU) senón de grupos sociais con intereses diversos e en consecuencia con categorías e privilexios diferentes (castas), onde os de arriba ditan as normas e os demais deben limitarse a acatalas. Os sumos sacerdotes que nos levaron a estas circunstancias extremas de desigualdade e explotación social son os que nos van redimir da apocalipse? Nin se cortan en explicar o seu “programa” abertamente. E (case) ninguén se queixa.

Comentarios