Opinión

A nova maioría mundial

En anteriores columnas escribía sobre os cambios xeopolíticos que se están a producir no mundo. Trátase dun proceso que será largo e complexo, agora en pleno desenvolvemento, por iso é imposíbel visualizar a foto completa do que está pasando. Hai múltiples factores influíndo, uns atrasando e outros acelerando un desenlace que levará anos ata que se produza o equilibrio, e non será fácil. Pero xa é perfectamente observábel a inflexión histórica dos acontecementos, algo que quizais non sucedía dende a Primeira Guerra Mundial, cando se comezou a perfilar o actual modelo capitalista financeiro transnacional, como sinala o economista Michael Hudson.

Un punto de inflexión xerado polo esgotamento do globalismo neoliberal, incluso admitido polas elites oligopólicas ás que xa non lles interesa o modelo parlamentario clásico. Ao tempo, as nacións emerxentes néganse a continuar cun sistema de acumulación capitalista que as explota ata a extenuación. Por iso, unha gran maioría aposta por un sistema cooperativo internacional, pacífico e anti-hexemónico fronte ao modelo sinárquico das elites occidentais. Iso implica a construción dun mundo novo, multipolar, con novas institucións, como sinalou recentemente Lula da Silva no cumio sino-brasileiro de Beijing, renegando do dominio do dólar. Lula súmase ao tren de cambios xeopolíticos nos que están inmersas nacións tan diferentes como a India, Venezuela, Turquía, Bolivia, Irán, Arxentina ou Arabia Saudí, entre outros numerosos países (a denominada Maioría Mundial), apoiando as medidas de expansión e reorganización do Sur Global emerxente iniciadas por Rusia e a China e que recibe un enorme impulso co nomeamento de Dilma Rousseff como nova presidenta do Novo Banco de Desenvolvemento dos BRICS+.

Neste contexto, é importante subliñar os cambios en curso en Rusia nos ámbitos social, político, económico financeiro e cultural. Hai unha clara reorientación cara a valores de signo socialista e patriótico, dándolle as costas ás políticas neoliberais e á mimese coa cultura occidental que devastaron o país eslavo a finais do século pasado. Non significa o retorno á época soviética, senón do renacemento da soberanía rusa, aprendendo as leccións da historia.

Todo indica que a reorganización do mundo emerxente levará á cancelación da débeda externa abusiva e impagábel o que colocará o capital financeiro internacional, outrora incuestionábel, ao borde da súa desaparición. Isto é realmente revolucionario e inédito, sen o cobro prioritario da débeda, se o Sur Global converte a terra, a vivenda e o emprego en servizos públicos non financiarizados, o FMI e o BM, e con eles todo o sistema occidental, entrarán nun devalo irreversíbel. O que se está construíndo, con todas as imperfeccións que se queiran, é un modelo totalmente diferente, cooperativo e confucianista fronte á hexemonía e o individualismo egocéntrico occidental. 

Os pobos de Occidente deben espertar do seu letargo (algúns xa o están facendo), desprazar as elites transnacionais e facer as súas achegas para lograr unha nova orde mundial ao servizo das maiorías sociais e da cooperación internacional.

Comentarios