Opinión

A nova (des)orde mundial (II)

Durante a época máis crítica da Guerra Fría do s. XX foron posíbeis importantes acordos de desarme e seguridade. O poder disuasorio das armas nucleares entre as grandes potencias, coa doutrina da Destrución Mutua Asegurada (DMA), obrigounas a entenderse. Que cambiou dende aquela para que EUA rexeite hoxe un diálogo que evitou a III Guerra Mundial? Pensa que é posíbel gañar unha confrontación convencional en Europa contra Rusia? Ou, incluso, gañar unha guerra nuclear mundial?

A paridade do poderío militar estratéxico das dúas superpotencias militares non se modificou a favor de EUA, salvo na expansión da OTAN. Pero Rusia mellorou a calidade do seu arsenal nuclear táctico e estratéxico con mísiles hipersónicos e armas espaciais e submarinas sen que EUA (aínda) dispoña de algo similar. Portaavións e cruceiros xa non son a chave para gañar unha guerra, e menos a IIIGM. Por tanto, aínda con matices, a DMA segue vixente en termos xerais, salvo a fantasía dalgunha arma secreta definitiva. Nese caso, sería máis eficaz e barato para EUA dar a coñecer a súa existencia e seguir mantendo a hexemonía que ir á guerra.

Entón, que ocorre? O realmente diferente respecto de hai apenas unha década é que a hexemonía de séculos (económica e militar) de EUA-Reino Unido está nun perigo existencial crítico. Non se trata só da emerxencia dun mundo multipolar, senón de que o centro de maior desenvolvemento económico e militar (e financeiro nun futuro próximo) basculou cara a Eurasia (China-Rusia-India), nun proceso de transformación (irreversíbel?) do actual paradigma neoliberal. Hai un relativo consenso entre os expertos de que un cambio como o que está en curso non ocorre dende hai 500 anos. Esta é a chave da actual crise, e tamén da súa extrema gravidade.

No entanto, a alta política (incluída a guerra) é substancialmente un xogo estratéxico no que os principais xogadores (se non é posíbel a vitoria) buscan a táctica máis eficaz para gañar tempo ou acabar en táboas. O suicidio non é unha alternativa. Por exemplo, EUA considera posíbel unha guerra nuclear-táctica limitada na que se lle infrinxan aos competidores/inimigos danos disuasorios colocando o teatro bélico nun escenario territorial intermedio. Por exemplo, Europa continental.

A actual estratexia da tensión de EUA (vía OTAN), intervindo de forma encuberta na Ucraína con mercenarios, armas, asesores, forzas especiais (SAS británicas) e vixilancia electrónica, e a ameaza de incluír na Alianza a países como Suecia e Finlandia, acércanos a ese fatal desenlace táctico. Un escenario congruente co obxectivo de danar de forma severa non só a colaboración económica Rusia-UE, senón a economía e territorio europeos dándolle outra oportunidade ao capital financeiro anglo-norteamericano.

Por iso, EUA (que, na súa desesperación, soña estar a salvo da guerra) traslada, sen cesar, armamento a Europa para que se inmole en defensa do "mundo libre" (anglosaxón). E a UE, docilmente conducida polos seus lacaios, segue no cómodo soño da pílula azul fabricado pola Matrix do Atlántico Norte. O futuro (outra vez) depende da cegueira ou lucidez dos europeos.

Comentarios