Opinión

A nova (des)orde mundial (I)

Todas as grandes guerras, especialmente as dúas mundiais do século XX, foron consecuencia de procesos liderados polo capital transnacional para impoñer a súa hexemonía. Con elas, as elites foron configurando novos mapas de influencia colonial e neocolonial desprazando a outras potencias que lastraban ese obxectivo. Mais, o resultado da Segunda Guerra Mundial, con novas potencias como a URSS e a China, xunto aos movementos de liberación nacional emerxentes, logrou frear a expansión colonial e o desenvolvemento do sistema neoliberal.

Cando a situación económico-financeira comezaba a ser moi complicada para as elites occidentais produciuse unha gran xogada xeopolítica: o acordo chino-ianqui (aproveitando as diferenzas China-URSS), que impulsou o traslado de empresas a Oriente para a explotación masiva da súa man de obra barata. Posteriormente, a caída da propia URSS facilitou materias primas, industrias, científicos e tecnoloxía a prezos de saldo.

Estes feitos, de enormes consecuencias históricas, relanzaron como nunca a economía e o poder occidental asegurando a súa hexemonía na práctica totalidade do planeta dende finais do século pasado. O extraordinario proceso de acumulación de capital nos últimos trinta anos, pasando dunhas dez mil transaccións anuais a unha media próxima ás cincuenta mil, concentrando billóns e un poder inmenso, dan fe deste enorme salto cuantitativo e cualitativo dunhas finanzas internacionais cada vez máis desbocadas.

Pero ese ritmo de acumulación xa non é posíbel despois de que Rusia e a China endereitasen o seu curso histórico cunha política de independencia nacional fronte á oligarquía financeira. A partir dese momento incrementouse o acoso a Rusia no leste de Europa e a China (en Hong Kong, Sinkiang e Taiwán) e, no canto de traballar por un acordo de seguridade internacional, os EUA-OTAN decidiron impoñer o seu statu quo. A situación é tan crítica que Occidente está elevando ao máximo a súa aposta de forma temeraria. Estarán (as elites) dispostas ao holocausto nuclear ou van de farol? Demencial.

Entre tanto, a UE segue facéndose o haraquiri cedendo ás presións ianquis. Humillante. Cuns gobernantes directamente subornados pola Secretaría de Estado, como sinala o economista Michael Hudson e confirma o ex subsecretario da administración Reagan, Paul Craig Roberts, non cabe agardar ningunha oposición ás políticas de Washington. O resultado será unha grave recesión económica e o perigo dunha guerra con Rusia.

Zoltan Pozsar, ex funcionario da Reserva Federal e actual economista de Credit Suisse, non albisca un futuro positivo na UE: non ten materias primas nin combustíbeis e necesita fertilizantes, que se concentran (todos) na parte euroasiática. Por ese camiño o que vén é a ruína enerxética e máis desigualdade e desemprego. A dilatación da guerra de Ucraína a quen vai prexudicar máis (á parte dos ucraínos) é a Europa, que incluso comezará a padecer déficit de alimentos (segundo R. Kapito, fundador e presidente de Black Rock) e quizais cupóns de racionamento (Macron dixit). Rusia, entre tanto, segue gañando batallas (económicas e militares), e non ten présa.

Comentarios