Opinión

A nova anglosfera imperial

Mentres o caos-Covid se fai dono do planeta as elites anglosaxoas continúan —coa flegma que as caracteriza e dez pasos por diante— co seu programa de cambios estratéxicos. Meses atrás, noutro artigo, amosaba algunhas claves sobre o Brexit, que algúns interpretaban coma o resultado dunha “errónea” decisión dos británicos, incidindo na importancia de non quedarse na superficie dos eventos. E, en efecto, os sucesos posteriores confirman a tese de que as elites anglo-estadounidenses están entregadas con afán ao deseño dun novo paradigma de dominio mundial.

Por iso, non sorprende o recente artigo no Wall Street Journal de Andrew Roberts, da Hoover Institution e do KCL, onde expón a idea do que debe ser o novo Imperio Británico. Segundo Roberts, cómpre a creación da “Unión Canzuk” (unha alianza de Canadá, Australia, Nova Zelanda e Reino Unido). Esta federación imperial dos principais países da Commonwealth (cuxa reina formal é Isabel II) daría lugar a unha nova superpotencia global que, en estreita alianza con EEUU, se convertería na forza reitora da “Anglosfera”, retomando un vello concepto de Churchill. O seu obxectivo sería “neutralizar” a China (felicita a Johnson por eliminar a 5G de Huawei) e desenvolver unha nova xeira imperial británica no século XXI. Roberts sinala que os países da Canzuk terían o 4º PIB maior do mundo, só por detrás de EEUU, China e a UE, pero cuns niveis de educación e PIB per cápita máis altos que o resto das grandes potencias. Outra baza a favor da Canzuk estribaría en que dispón dunha grande experiencia conxunta no plano industrial e militar, ademais de formar parte da alianza de intelixencia Five Eyes. No argumento esgrimido no WSJ, Roberts chíscalle o ollo a Donald Trump cando afirma que “non hai ningunha razón para que o contribuínte estadounidense deba seguir pagando a factura de ser o policía do mundo en solitario e para sempre”, asumindo a Canzuk a carga orzamentaria necesaria para colaborar adecuadamente no esforzo de desenvolvemento militar conxunto da Anglosfera. O feito de non lindar fisicamente non sería un problema na era de internet e das futuras viaxes aéreas “con tecnoloxía renovada”. Roberts, finaliza sinalando que se a Anglosfera segue o criterio exposto por Churchill durante a II Guerra Mundial (IIGM) de “que se faga todo o posíbel e non se escatime nada” sería posíbel deter a hexemonía global da China. Indispensábel, “na medida en que a UE non ten interese en facelo”.

O gran problema dese razoamento imperial é que se basea en conceptos erróneos, como o de que a alianza do Reino Unido e EEUU foi determinante para derrotar a Alemaña nazi na IIGM. A verdade histórica incontrovertíbel é que se Rusia agardase a 1944 (desembarco de Normandía) para derrotar a Hitler, Europa seguiría en poder dos nazis por moito tempo. Non obstante, deixando de lado as clamorosas inexactitudes do imperialista Roberts, a Anglosfera estase movendo con rapidez para encontrar acomodo na fase histórica que vén, de fonda tensión dialéctica tripolar con China-Rusia-países non aliñados e a UE (Francia-Alemaña). Un futuro ameazante, pero cheo de oportunidades.

Comentarios