Opinión

Negocio verde, especulación ou desenvolvemento?

Nun artigo anterior sinalaba a forte ofensiva na Galiza de compañías de enerxía eólica (de capital de raíz transnacional) co obxecto de encher de enormes aeroxeradores o horizonte paisaxístico dos montes do noso país, como parte da estratexia de enerxía libre de CO2 promovida dende a UE, Madrid e a Xunta. En contrapartida, como “compensación” a esa invasión, as empresas ofrecen uns retornos económicos ridículos e ofensivos para a intelixencia dos propietarios e veciños das comarcas afectadas. A estratexia verde comprende outras facetas que, segundo se proclama, servirían para alcanzar os obxectivos dunha economía libre de CO2, como o mercado dos dereitos de emisión de carbono, vixente dende 2005.

As empresas contaminantes, de acordo cos obxectivos marcados para o período 2021-2030 polo Pacto Verde da UE, as regulamentacións de organismos internacionais e o Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco), poden emitir carbono sempre que non excedan uns determinados límites. En caso contrario, deben comprar dereitos a outras empresas que contaminen por debaixo dese límite. Este comercio das emisións de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro permite ás grandes transnacionais evadir cómoda e legalmente as súas obrigas de diminución da contaminación ao tempo que a través de empresas que comercian coas emisións poden especular cos sumidoiros de carbono dos que son titulares. Esa é unha das razóns da suba do custo do Kwh de electricidade nun 50% no último ano.

Deste xeito, coa estratexia de enerxía verde da UE, o sector dos dereitos de emisión está chamado a converterse nunha das próximas burbullas especulativas, na medida en que forma parte dun mercado de futuros que está crecendo de forma acelerada nos últimos meses e probabelmente siga así no próximo futuro. Como proba, baste sinalar que a cotización media do último ano foi de 34 euros por tonelada, pero a finais de maio xa cotizaba a 51 euros, con máximos históricos deste mercado neste último mes. A clave deste novo negocio auspiciado dende o sector financeiro internacional está en mercar a prezos de saldo, a cargo de empresas intermediarias, grandes sumidoiros de CO2 (en montes veciñais) onde se desenvolvan proxectos de restauración forestal por incendios ou en zonas desarboradas dende 1990.

Unha das estratexias consiste en ofrecerlles ás comunidades de montes unha cantidade por hectárea a 35 anos que non pasa do 2% do negocio dos dereitos de emisión (a prezos actuais). Un trato colonial a todos os efectos que, ademais, obriga ao mantemento do monte e a garantir a súa integridade. Nesas condicións é máis rendíbel para unha comunidade de montes rexistrarse como sumidoiro de carbono no Miteco e negociar directamente nese mercado. Cunha boa xestión e asesoramento adecuado poderanse obter beneficios suficientes que permitirían o desenvolvemento económico sustentábel do monte e dos seus comuneiros. Esta estratexia permitiríalles o control do seu monte, ademais de facilitar o financiamento dun proxecto de desenvolvemento autocentrado, invertendo as tendencias actuais de desagrarización e despoboamento do medio rural.

Comentarios