sábado 25.01.2020

Negocio e cambio climático

Nos últimos tempos, o debate sobre o innegábel cambio climático está derivando nunha sucesión de eventos máis próximos ao mundo do espectáculo que a un asunto serio e de transcendencia para o futuro da humanidade. Apelar aos sentimentos para coar determinadas decisións, sen debatelas en profundidade en cada país, e achegando medidas socio-económicas para unha transición xusta e viábel, non axudará a resolver a crise climática. Tampouco axuda a tecer simpatías e credibilidade que eventos internacionais como a COP25 sirvan para o lavado de cara de importantes industrias do IBEX35, líderes en contaminación ambiental, como Endesa e Iberdrola, ademais doutras como o Banco de Santander e o BBVA, importantes financeiras de combustíbeis fósiles, todas elas patrocinadoras da Conferencia de Madrid.

Non obstante, non debería sorprendernos que as grandes empresas, especialmente as financeiras, sexan as máis dilixentes patrocinadoras destes eventos internacionais. Dende o Acordo de París de 2015 para a redución de gases de efecto invernadoiro (GEI) foi precisamente a banca internacional a que tomou a iniciativa para ligar as finanzas á ameaza do cambio climático. Un dos principais dinamizadores deste proxecto foi Mark Carney, o gobernador do Banco de Inglaterra. Daquela, Carney propuxo ao multimillonario Michel Bloomberg (recente candidato do Partido Demócrata á presidencia de Estados Unidos) para que axudase aos mercados financeiros a “familiarizarse co negocio climático”. Así, a “economía verde” pasou a ser o principal obxectivo do IIF (Institute of International Finance) que non só designa este negocio co ocorrente título de “finanzas sustentábeis” senón que o proclama abertamente como o “novo ouro” da economía global, unha oportuna táboa de salvación nun momento crítico do sistema capitalista. Os datos son elocuentes: o mercado “verde” financeiro mundial, irrelevante ou pouco significativo á altura de 2012, representa na actualidade a respectábel cifra de 350 mil millóns de dólares, medrando en só sete anos un 1300%1, e en traxectoria ascendente, en consonancia coas expectativas da alta finanza. A preocupación que se suscita é que se a loita medioambiental ten como obxectivo a persecución de altos beneficios para o capital financeiro, o lucro acabará primando sobre o beneficio social e mesmo ambiental do planeta, como ocorreu ata agora, salvo que o goberno das elites se transformase nun goberno democrático real, algo que semella bastante utópico. De entrada, xa observamos que son as empresas máis contaminantes as que aparecen como protagonistas da loita contra o cambio climático: convencemento real, comenencia ou estratexia financeira?

Convén lembrar que foi en Londres onde en 2018 se creou a Green Finance Initiative (GFI), una institución promovida pola City e o goberno británico con vocación de liderar os servizos financeiros da “economía verde” no Reino Unido e no resto do mundo. En relación con este obxectivo, a súa páxina web menciona unha intervención do chanceler británico Philip Hammond o 21 de xuño de 2018:

"O Reino Unido xa lidera este mercado, coa emisión de case 80 tipos de bonos verdes recadando máis de 24.000 millóns de dólares en sete moedas. Pero se cumprimos os nosos obxectivos climáticos mundiais colectivamente, haberá que mobilizar 90 billóns de dólares para o 2030”.2

Hammond non se expresa en termos de incrementar o benestar da humanidade ou de mellorar o reparto da riqueza, senón de mercado, de seguir especulando.

A revista Nature publicou o pasado mes de setembro que as 100 empresas máis importantes do planeta xeran o 70% dos GEI ao tempo que o 10% das empresas transnacionais acumulan o 80% de todas as ganancias a nivel mundial. Este dato resulta elocuente ao sinalar como o proceso de acumulación e concentración neoliberal está ligado ao deterioro ambiental que padecemos. Non obstante, o que nos transmiten na COP25 é que son os habitantes do planeta os que deben asumir as responsabilidades derivadas do cambio climático, é dicir, contribuír coas taxas que se decidan no seu momento a financiar as medidas “ecolóxicas” correspondentes. Con este Pacto Verde (Green Deal) o que se quere impoñer non é aquel voluntarista slogan de que “quen contamina paga”, senón outro moi diferente: “as grandes empresas acumulan riqueza e contaminan e a humanidade paga”.

Se alguén aínda dubida sobre a envergadura do novo negocio “verde” e de que o movemento polo clima debe dirixir as súas protestas contra o modelo neoliberal esixindo que sexan as transnacionais e o lobby financeiro quen achegue os fondos necesarios para facer fronte ao cambio climático, é conveniente saber o que se oculta detrás dos ouropeis cos que nos intentan despistar. A Global Commission on Adatation (GCA), creada na Haia en outubro de 2018 e dirixida polo ex-secretario xeral da ONU Ban Ki-moon, o multimillonario Bill Gates e Kristalina Georgieva, directora executiva do Banco Mundial, sinalaba no seu último informe1 que os investimentos en adaptación xerarían uns beneficios económicos previstos de 7,1 billóns de dólares a medio e longo prazo. O problema, subliñaban, é que requirirían grandes achegas por adiantado de parte do sector público para crear incentivos dirixidos a ampliar a participación do sector privado. É dicir, as elites neoliberais, pretenden lograr con axudas a cargo dos contribuíntes beneficios mil millonarios para o seu peto, ademais de aparecer como os salvadores do planeta. Pero é aínda mais preocupante, se cabe, o anuncio de que a proposta do GCA, cos seus exorbitantes investimentos, está en parte orientada ao uso de tecnoloxías dubidosas como a xeo-enxeñaría solar, a bioloxía sintética e os organismos transxénicos. Estes son, que curioso, os sectores de negocio promovidos por Bill Gates2, un personaxe que coida de nos amosar publicamente a súa faceta máis amábel como “filántropo humanitario”, ao tempo que practica negocios de alto risco para o planeta. Sen dúbida, debemos salvar o planeta, pero non ao capitalismo internacional.

1A emisión de débeda vinculada á economía verde medrou un 30% dende 2018 e avanzan que os préstamos ligados á “sustentabilidade” será a seguinte gran novidade. IIF, setembro de 2019

2 Web GFI, consultada o 11 de outubro de 2019

3 Adapt Now: A Global call for leadership on climate resilience. Global Commission on Adaptation, setembro de 2019

4 Moitas desas tecnoloxías representan un risco importante para o futuro do planeta. O uso de mosquitos xeneticamente modificados, nun principio co hipotético obxectivo de curar enfermidades, abre o campo á súa utilización como arma euxenética. No caso da xeo-enxeñaría solar hai un proxecto, o SCoPEX, en proceso de estudio en Harvard e financiado por Gates, que consiste en manipular o medio ambiente mediante o vertido na estratosfera de carbonato de calcio co obxecto de “baixar a temperatura do planeta”. Todos estes proxectos desenvólvense en EE.UU., un país que non ratificou o Convenio de Diversidade Biolóxica (CBD) dependente da Conferencia das Nacións Unidas sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento, ademais de non aceptar o principio de precaución deste organismo sobre a xeo-enxeñaría. O caos climático, o novo negocio de Bill Gates. Artigo de Mª Luisa Ramos Urzagaste, SputnikMundo, 17/09/2019

Negocio e cambio climático
comentarios