Opinión

Monarquía, exército e xudicatura

Este é o trinomio do actual poder fáctico formal español, ao que habería que engadir a Igrexa e as elites empresariais representadas no Ibex-35, completando así os piares basilares do poder duro en que se apoia o actual réxime constitucional. Pero se os primeiros encarnan os instrumentos coercitivos e simbólicos do poder, as últimas constituirían a súa verdadeira esencia factual, ao tempo que máximas beneficiarias do sistema, formado por financeiros, a grande industria e latifundistas. Os verdadeiros amos do cotarro, que manexan a través do Goberno e Parlamento de quenda (neste momento menos), da oposición de centro e ultra dereita, tribunais, púlpitos e grandes medios de comunicación.

Nese organigrama cada membro do trinomio tradicional actúa como garante do réxime, dispostos a actuar na forma, escenario e momento en que os verdadeiros amos decidan. Vímolo co procés, e así sucedeu tamén historicamente: con Alfonso XIII e Primo de Rivera na ofensiva antiliberal dos anos 20 ou apelando directamente ás espadas no 36, desfacéndose a un tempo da República e do desacreditado Borbón. No 75, en troques, optouse pola resurrección da coroa ante a necesidade de encadrarse definitivamente no occidente “democrático”.

Pero nada é eterno e a situación actual volve representar un momento crítico para a supervivencia do fracasado modelo español: unha crise económica imparábel agravada pola pandemia, ademais do sempiterno problema territorial (non só catalán, tamén vasco e galego) e unha preocupante e vertixinosa decadencia da (protectora) coroa. Diante desta “incerteza”, os que controlan a maquinaria do Estado lanzan unhas “operacións medo” onde se amaga cun pronunciamento militar implicando o rei. Ao tempo, pola banda da xudicatura volven á carga denegando o terceiro grao aos presos do procés e abrindo de novo o caso (xa xulgado) Bateragune contra Otegui e outros abertzales, anulado en 2018 polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. Mais, se no que respecta á ofensiva xudicial non hai dúbida, na “militar” habería que tratar de dilucidar o arcano que a goberna. Resulta moi dubidoso o verdadeiro obxectivo das “asonadas”, a xulgar polo grotesco grupo de zombis que as protagonizaron. Con ese esperpento a solvencia do exército quedou seriamente tocada, e xa non digamos a monarquía, baixo mínimos grazas ao emérito, e agora interpelada directamente na persoa de Felipe VI que desaproveitou unha magnífica ocasión para reivindicarse como rei “democrático” fronte á caterva de inveterados nostálxicos franquistas. É obvio que non se tratou dun episodio ao estilo do 23-F que fortaleceu daquela Juan Carlos, a coroa e o sistema constitucional español. Cabe, por tanto, preguntarse se é posíbel que lle tendesen a Felipe VI unha sutil trampa saducea.

Que sectores e medios levan tempo poñendo na picota a monarquía? Se alguén quere identificar os conspiradores que non busque na esquerda ou no actual Goberno. É indubidábel que o mundo financeiro e a grande empresa necesita de certezas e seguridade xurídica a medio e longo prazo, e iso comeza a ser un ben escaso nas altas instancias do Reino de España.

Comentarios