Opinión

De mentiras, guerras e matóns

Os EUA e o Reino Unido, ambos alleos ao continente europeo, levan tres meses poñéndoo en perigo ao armaren ata os dentes o corrupto e extremista goberno ucraíno. Ao tempo, propalan o bulo da invasión rusa e ameazan a Putin con todos os males e represalias do mundo. Coa mesma rotundidade, os rusos levan demostrando que non teñen intención de realizar ningunha invasión e que o único que queren é que se cumpran os Acordos de Minsk (aprobados por unanimidade do CS da ONU) e que a OTAN non siga expandíndose cara ás súas fronteiras. Os anglosaxóns están histéricos: Putin, o súper-malo malísimo, non acaba de caer na trampa.

Os medios atlantistas intentan presentar este conflito como unha resurrección dos momentos previos á II Guerra Mundial, cando Hitler chantaxeaba a occidente coa adquisición de novos territorios para que non houbese guerra. En realidade, o Imperio Británico utilizaba a Hitler —animando os nazis con visitas da realeza incluídas— para destruír Europa e dirixir a Wehrmacht contra Rusia. Agora (mutatis mutandis) están facendo o mesmo con outro tonto útil (o goberno nazi ucraíno) empuxándoo a unha guerra con Rusia. Nesta ofensiva de odio e desinformación quen están pagando os pratos rotos son os europeos, gobernados por dirixentes sen dignidade, sen cordura e o máis mínimo sentido da realidade.

Os feitos non menten: 1) nos últimos tres meses a OTAN leva ameazando a Rusia, ignorando as súas demandas de seguridade e trasladando forzas especiais, soldados e armamento ata as súas fronteiras, 2) Ucraína concentra enormes forzas no Donbass, 3) Rusia esixe un acordo de seguridade europeo, ademais de fortalecer as súas posicións defensivas con manobras militares dentro do seu territorio, e 4) o gasoduto ruso está suspendido en Alemaña por presión dos EUA e, en consecuencia, o prezo do gas e da electricidade (e a carestía da vida) están polas nubes en toda Europa.

O normal sería negociar e non ameazar. Pero a campaña de desinformación de invasión inminente continúa, reforzando esa acusación coa retirada do persoal diplomático de Ucraína. É esta a maneira de rebaixar a tensión que proclamaba Borrell? Peor aínda, a xuntanza do 10 de febreiro en Berlín do Cuarteto de Normandía, encargado de xestionar os Acordos de Minsk, foi un rotundo fracaso ao negarse a parte ucraína a aplicar as resolucións da ONU. Por que os xornais non informan disto? Por que Kiev non cumpre os acordos de paz, retira o armamento pesado e convoca un referendo para recoñecer os dereitos do Donbass? Porque, os EUA non queren nin gas ruso nin estabilidade en Europa. O máis terríbel é que os europeos non aprenden do mangoneo anglosaxón. Xa se esqueceu Francia do negocio dos submarinos que lle roubaron EUA-RU? E Alemaña vai renunciar ao vantaxoso NS2? Non creo, pero non se fan oír con suficiente forza.

A guerra forma parte do ADN dos EUA e dos británicos: teñen máis de 300 bases militares e 190.000 tropas dispersas por todo o planeta, participando en guerras "terroristas" en todos os continentes. É o seu garrote para manter o Gran Negocio Imperial. Comparen, Rusia só ten dúas bases en Siria. Quen ameaza a quen?

Comentarios