Opinión

'Maskirovka'

Se na vida política oficial a verdade é un concepto estraño e fuxidío, aínda máis nun conflito bélico. O seu enmascaramento en forma de camuflaxe, distracción, negación ou engano forma parte determinante da doutrina militar das grandes potencias. Os termos utilizados polos EUA e Rusia son, respectivamente, Military Deception e Maskirovka. Por iso, para un observador externo resulta extremadamente difícil coñecer cal é a realidade factual tras as declaracións do estado maior ou das operacións militares en curso. A Guerra do Leste é un exemplo do uso sistemático de Maskirovka ou de operacións de guerra psicolóxica, e a elas témonos referido en anteriores artigos.

Un dos últimos episodios estraños deste conflito foi a divulgación masiva a semana pasada dun vídeo protagonizado polo ruso Y. Prigozhin, o responsábel visíbel da compañía militar privada Wagner que cumpre un importante papel nas operacións bélicas na cidade ucraína de Bakhmut. Nese vídeo, Prigozhin lanza unha furiosa diatriba contra o alto mando ruso debido a unha suposta escaseza de proxectís de artillaría. Moitos dos analistas dos grandes medios deduciron que estabamos diante dun grave conflito interno no exército ruso, e que a evidente desorganización que transmitía Prigozhin no vídeo nos situaba na antesala dunha grave derrota militar do Kremlin. Todo podería ser, pero non resulta críbel.

Implicaría que o exército ruso –que deseña e utiliza naves espaciais e mísiles hipersónicos (os únicos ata agora)– está dirixido por persoas desequilibradas e irracionais que actúan de forma improvisada. Unha versión que enlazaría coa visión que se ten de Putin en Occidente, un individuo que actúa por impulsos sen que existan causas razoábeis que o xustifiquen.

Porén, a explicación máis probábel sería bastante diferente. Prigozhin non é un militar, só a cara visíbel administrativa dunha compañía creada polo Ministerio de Defensa a partir de ex militares rusos. Nas operacións do Leste está dirixida por oficiais en activo e supeditada ao estado maior ruso. Entón, se no exército ruso (e compañías contratistas) hai máis dun millón e medio de efectivos que funcionan de forma disciplinada, por que se permite (sen que se lle reprenda ou sancione por alta traizón) que Prigozhin se salte de forma recorrente a disciplina militar?

A realidade detrás da farsa é que a cara visíbel de Wagner, con moita probabilidade (segundo fontes rusas), sería un membro do servizo de intelixencia FSB, o sucesor da KGB. Todo o que fai Prigozhin formaría parte dun plan no que cumpre a función de bufón irreverente co obxecto de distraer o inimigo. Proba diso é que ás poucas horas, mentres se producía a divulgación masiva do polémico vídeo, o exército ruso infrinxía un dos maiores ataques contra as posicións OTAN-ucraínas reducindo ao absurdo as supostas carencias de munición. Pura Maskirovka, como admitiu finalmente A. Chernyak, da intelixencia militar ucraína. 

Por certo, todo o contrario do que sucedeu no último cumio da Liga Árabe, coa admisión de Siria no seu seo despois de case 12 anos de ausencia, cando EUA ditaminou a súa expulsión. Como cambia o conto.

Comentarios