Opinión

Mártires de Agosto

A ringleira de aldraxados e asasinados na Galiza durante a longa noite de pedra do franquismo é dramaticamente extensa, pero hai dous homes novos que quizais sinteticen a barbarie dese período ominoso cunha forza simbólica pouco habitual. Separados por trinta e nove anos de distancia histórica, Alexandre Bóveda e X. Ramón Reboiras non só estaban unidos pola súa militancia no campo galeguista e nacionalista. Compartían un ilimitado entusiasmo xuvenil no proxecto de dignidade nacional da Terra e unha capacidade organizativa extraordinaria, indispensábel para construír a nación negada.

Bóveda incorporouse de adolescente ao galeguismo cultural e político da man de homes como Otero Pedrayo e Risco. Posteriormente, destinado na delegación de Facenda de Pontevedra, Castelao viu naquel home de vinte e poucos anos a unha persoa dunha intelixencia excepcional, con principios firmes e visión de futuro. A súa valía profesional resultou esencial, na véspera da II República, para a avanzar na redacción dun proxecto de Estatuto Nacional para o país. Bóveda recompilou todos os documentos relacionados cos proxectos de autonomía económica, fiscal e política e presentou un brillante informe no Seminario de Estudos Galegos que demostraba a viabilidade económico-financeira dunha Administración Galega de seu. Pero Alexandre era un home de múltiples facetas, revelándose coma un grande organizador, o “motor de explosión” que necesitaba o galeguismo para espallarse polo país, segundo palabras de Castelao. Como secretario de organización do Partido Galeguista promoveu a creación de centos de grupos locais con milleiros de militantes e adherentes.

Reboiras, vinculado dende moi novo ao grupo galeguista promovido polo padre Seixas na asociación O Castro de Vigo, ingresa a finais dos sesenta na UPG ligándoa con grande acerto á realidade do país. Dotado, coma Bóveda, dunha extraordinaria capacidade organizativa e compromiso político, participa na folga xeral de 1972 e aproveita a súa estadía no estaleiro de Barreras, como bolseiro da Escola de Enxeñaría de Vigo, para arengar e organizar os obreiros. Esta capacidade de liderado leva a que se lle encargue a organización da Fronte Cultural, co obxecto de coordinar na clandestinidade as asociacións culturais do país, tarefa que combina coa organización dos primeiros xermolos sindicais que darían lugar ao nacemento do Sindicato Obreiro Galego e, posteriormente, á CIG.

As súas vidas volven confluír traxicamente no epílogo do seu periplo vital. Bóveda convértese na vítima propiciatoria dos fascistas do 36 que o fusilan por ser un home de principios firmes e honestidade a proba de lume. Coma un espello, Reboiras remata en 1975 a súa curta existencia cun acto propio dos heroes prometeicos, salvando coa súa vida a dos seus compañeiros de acción. Vinculados pola Irmandade da Galiza Rebelde, os martirios de Bóveda e Reboiras axudaron a debilitar o monstro franquista e coa súa semente fixeron posíbel a continuidade histórica do proxecto de Alba de Gloria soñado por Castelao. Loor, gloria e memoria eterna aos mártires de agosto e a todos os heroes da Terra.

Comentarios