Opinión

Lumes: prevención e eficacia

A elevada pluviosidade da primavera favoreceu o crecemento de matogueira no monte galego, ao tempo que inzou de biomasa de alta combustibilidade as zonas agrícolas abandonadas próximas aos núcleos rurais, ademais de camiños e pistas veciñais. Como cada verán, as altas temperaturas e os recorrentes ventos do nordés completan o cadro de risco a que nos imos enfrontar os galegos nesta campaña contra-incendios. Seguramente, a Covid-19 incidiu nos plans da Xunta para esta tempada, pero sendo o dispositivo contra-incendios un servizo esencial neste país, non se entende que a Consellería de Medio Rural non decidise actuar con máis dilixencia. A aplicación das diferentes medidas acordadas de forma unánime pola Comisión de Expertos do Parlamento Galego, trasladadas documentalmente á Xunta o verán pasado, non admiten demora. Non obstante, a Xunta non pensa o mesmo.

Con todo un ano por diante, non era pedir demasiado que este verán a Xunta puxese en práctica as máis destacadas. Porén, despois da lectura do plan de defensa contra incendios (Pladiga) publicado en maio, a sensación é desoladora. Case todo segue igual. A campaña vai moi atrasada nos traballos de xestión de biomasa, nas diversas modalidades de devasas preventivas a realizar con medios propios, municipais ou contratados. A simple comprobación visual certifica que, xa iniciado o mes de xullo e cunhas condicións climatolóxicas moi adversas, en moitas das zonas de alto risco non se levaron a cabo as accións preventivas previstas. En particular, nalgunhas parroquias que sofren incendios moi virulentos cada pouco tempo.

En canto aos medios de vixilancia e detección, a comisión de expertos sinalou que era moi importante aumentar a calidade do dispositivo, especialmente coas brigadas de vixilancia móbil, moi eficaces na detección e na neutralización dos conatos. Lamentabelmente, a Xunta non puxo en marcha estas brigadas.

Outra grave eiva do dispositivo son os medios aéreos. Parece sensato que uns medios tan caros se rexan por criterios de eficacia e eficiencia. Hai un alto nivel de consenso técnico sobre a conveniencia de que unha parte significativa dos medios aéreos de ataque sexan avionetas anfibias e/ou de carga en terra, para sacar o máximo aproveitamento en velocidade, carga de auga e proximidade aos encoros, reducindo o tempo de resposta. Pois ben, este tipo de medios representan este ano menos da metade do suxerido pola comisión de expertos. Porén, reducíronse os helicópteros dispoñíbeis sen resolver a cuestión das avionetas, e algunhas zonas de alto risco do sur de Ourense non tiñan medios aéreos nas súas bases na primeira semana de xullo. Algo insólito, cando o habitual é dispoñer do groso dos medios aéreos dende principios de xuño. Unha grave irresponsabilidade. Así é imposíbel que se poida actuar con rapidez en caso de emerxencia.

Sen contar con que as brigadas municipais seguen co mesmo sistema de selección e formación. Concluíndo: o conselleiro de Medio Rural non cumpriu os compromisos adquiridos no Parlamento Galego. Haberá que considerar o informe dos expertos como papel mollado? Sería bo sabelo. Crucemos os dedos.

Comentarios