Opinión

Os límites da democracia

Cando as cousas pintan mal para as oligarquías, cando o sistema non é quen de resolver os conflitos territoriais ou os problemas básicos da xente; en definitiva, cando a corrupción institucional xeneralizada e as desigualdades e inxustizas flagrantes ameazan a credibilidade do establishment (monarquía, xuíces, parlamento, estado unitario...) aparecen os mesías. Este é o seu tempo. Non debería sorprendernos, hai menos de 30 anos o Club de Roma xa pontificaba sobre os “límites da democracia” afirmando que ese modelo non era a “panacea” para resolver os problemas sociais. O que se ocultaba detrás desa sinistra filosofía era o proxecto de construción de estados corporativos profundamente antidemocráticos, pero adornados de modernidade para impresionar os inxenuos. Aínda non chegou o tempo de utilizar pistoleiros, como na época do Calvo Sotelo do 36 (non é cool), por agora basta co discurso de odio ao diferente acompañado por un compendio de slogans e frases feitas, ocas de contido. Puro pensamento máxico. Ese era o modelo que ofertaba Ciudadanos, pero non funcionou. Entón apareceu a opción B, unha “nova alternativa” con sinais de identidade máis castizos, conectando coa herdanza do outro modelo de Estado Corporativo, o franquismo, pero cun discurso máis actualizado.

É a vía ultraconservadora (e neoliberal) representada por Casado e Abascal. O seu obxecto é a aniquilación do que queda do estado do benestar, e para iso necesitan eliminar da ecuación institucional-gobernamental os partidos que teñen no seu ideario a máis mínima defensa dos servizos públicos e dos máis desfavorecidos. Unha vez logrado ese obxectivo o camiño ficaría expedito para desmantelar definitivamente os dereitos políticos das últimas décadas.

Para conseguir ese propósito optaron polo bloqueo institucional adobiado cun discurso onde a deslexitimación resulta esencial para destruír todo aquel que non responda ás premisas da dereita extrema hispana. Non importa que a súa argumentación non responda a datos reais nin ás necesidades da sociedade; precisamente, do que se trata é de crear unha impostura caótica onde as barbaridades, as medias verdades e as falsidades máis aberrantes se convertan no fío condutor da actividade política. Esa estratexia ten a virtualidade de enviar unha forte mensaxe de descomposición institucional como para que unha parte significativa dos cidadáns estean dispostos a admitir solucións expeditivas. Niso está VOX e unha parte importante do PP, intermediarios do establishment económico-financeiro. A moción de censura obedece a esa estratexia, o mesmo que ocorre co acoso ao independentismo catalán e a Podemos; ou coa Comunidade de Madrid, con Ayuso en confrontación sistemática co goberno de Sánchez. Despois a quenda seguirá co independentismo vasco, o BNG, cos sindicatos e con todos os demais (B. Brecht dixit).

Non se trata (só) da deriva irracional e patética de Abascal, Casado ou de Álvarez de Toledo, senón de quen manexa os fíos ocultos detrás da insigne marca do IBEX-35. Estamos diante dunha encrucillada da historia e (toda) a esquerda debería ser consciente do que está en xogo.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios