venres 18/06/21

Lennon

Hai corenta anos que asasinaron a John Lennon. Andaría agora polos oitenta se un tarado irrecuperábel non tronzase a súa vida nun dos momentos de maior creatividade artística. No entanto, a Lennon non o matou só un dos moitos tolos “casuais” do American Dream, obsesionado con Salinger e os Beatles, nun arrebato de loucura. Do mesmo xeito que Luther King non só foi vítima dun fanático racista branco. Á América capitalista o que lle amolaba de Lennon e King, e de tantos outros lúcidos rebeldes, era o seu compromiso social e político cos oprimidos e o seu agudo exercicio da crítica do poder e das inxustizas. Pero, paradoxos do destino, a gran traxedia de Lennon é que nunca quixo ser un mártir, un heroe morto como el dicía, só quería vivir en liberdade e comunicarse co mundo a través das súas cancións. Pero non llo permitiron.

Algúns lamentan o seu narcisismo, os excesos e o seu difícil carácter, como se os seres humanos fósemos deuses virxinais e o existir cotiá da humanidade non estivese cheo de contradicións, erros e fracasos, e toda esa restra de eivas que cargamos sobre as nosas costas dende que o mundo é mundo. Porén, postas na balanza as “maldades” de Lennon fronte á maxia do seu talento, non queda ningunha dúbida do luminoso agasallo resultante. Non só no campo musical e artístico, no que John brillou coa luz diáfana dos xenios, tamén e de forma especial no seu compromiso social e político. Quen dos seus coetáneos non se lembra das iconoclastas performances bed-in con Yoko Ono contra a guerra do Vietnam? John foi un verdadeiro látego das políticas intervencionistas ianquis, e o inefábel Nixon fixo todo o posíbel por destruílo. Pero Lennon non calou. Condenou o racismo americano e as políticas coloniais británicas en África e Irlanda do Norte. E o brutal capitalismo de rapina. Non hai máis que escoitar “Power to the People”, “Give Peace a Chance” ou “Working Class Hero” para decatarnos do seu compromiso anti-imperialista, coa paz e a clase traballadora.

Pero foi na esfera da creatividade musical onde alcanzou as máis altas cimas da perfección. Fíxoo cos Beatles, ese extraordinario fenómeno de ruptura cos vellos clixés musicais e a impostura das sociedades conservadoras europeas de mediados do século pasado. Aí Lennon, como líder indiscutíbel da banda de Liverpool, marcou o rumbo de toda unha década, a dos sesenta e primeiros dos setenta, rebordando rebeldía, calidade musical e aires de liberdade naquelas sociedades abafadas pola represiva doutrina cristiá (anglicana, calvinista ou católica). As trepidantes “Twist and Shout” e “She Loves You” xunto a “Let it Be”, “Hey Jude”, “The Long and Winding Road”, “Girl”, “Across the Universe”,... conseguiron crear un novo universo musical e cultural, máxico e irrepetíbel.

Pero o seu xenio creador aínda nos deixou un legado propio de cancións inesquecíbeis: o excelso himno poético de “Imagine”, a dor e dramatismo de “Mother”, o amor feminista de “Woman”, o amargo desengano de “God”, a ilusión de “Starting Over”, e tantas outras. Difícil esquecer esa época iniciática; Lennon, o heroe vivo, sempre nos acompañará nos nosos soños de esperanza a través do universo.

comentarios