Opinión

Leccións chinesas

Non creo incorrer en ningunha hipérbole se afirmo que o acontecemento xeopolítico máis sobranceiro do que vai de século é a consolidación e despegue da república popular chinesa como economía mundial de primeiro rango e de influencia global. A alta adhesión ao seu modelo político e a estabilidade interna e cohesión social de que goza (cos lóxicos conflitos dunha sociedade moderna) están xustificadas polo importante benestar social alcanzado e un funcionamento institucional eficaz, ademais do enorme avance socioeconómico en todos os sectores (infraestruturas, industrial, educación, sanidade, científico, tecnolóxico, espacial,...)

Pero, ao contrario do que sucedeu hai cen anos coa Revolución Rusa, o modelo chinés non suscita, como daquela, as adhesións internacionais xeneralizadas dos países oprimidos e das clases traballadoras do mundo, reivindicando o seu modelo socio-económico como alternativa liberadora. Hai varias razóns que o explican. En primeiro lugar, os arquetipos etno-culturais chineses fican moi afastados doutras culturas, especialmente da occidental dificultando a osmose e empatía intercultural. En segundo lugar, aos prexuízos racistas solápase o descoñecemento do nivel de desenvolvemento económico e benestar alcanzado pola sociedade chinesa nun período histórico relativamente breve. En terceiro lugar, prevalece a idea de que o seu modelo é socialista, un termo que aínda é obxecto de grandes prexuízos e enorme desgaste dende a caída da URSS. Por último, os dirixentes chineses non están interesados en exportar o seu modelo ideolóxico a ningún país, negándose a explotar a épica da revolución mundial, como na época de Mao. Decidiron que ese non é o camiño.

Non obstante, as ensinanzas da xestión chinesa poderían ser de enorme interese e beneficio para todos. Non para aceptar o seu modelo (non é necesario), senón para comprender as falacias do sistema económico occidental e as novas posibilidades de síntese para avanzar cara a un modelo máis xusto e liberador. Un dos últimos exemplos é o que aconteceu coa inmobiliaria privada Evergrande, a segunda maior promotora de vivendas da China, en perigo de creba pola imposibilidade de facer fronte ás súas débedas a curto prazo. Un problema similar a este foi o que puxo en marcha a Gran Recesión de 2008 mergullando o mundo nunha crise que aínda non rematou. Porén, ao contrario que daquela, cando os tesouros públicos dos países occidentais absorberon masivamente as débedas dos bancos de investimento afundindo a economía real, a China decidiu que os accionistas-propietarios de Evergrande sexan os que fagan fronte ás súas responsabilidades (igual que na época das vacas gordas). En consecuencia, o que vai facer o goberno chinés é crear un sistema tributario para regular as ganancias dos especuladores, ademais de medidas de apoio público á vivenda. 

Unha mensaxe clara e inequívoca aos especuladores: se queredes facer diñeiro só poderedes facelo dentro da legalidade, pero se vos pasades de listos teredes que afrontar as consecuencias e esquecervos de agardar rescates do erario público. Por desgraza, esa política non a veremos aquí.

Comentarios