Opinión

Latinoamérica na diana

O xiro progresista dos últimos anos en centro e sur América, cortando a tendencia neoliberal do largo quinquenio dereitista anterior é un síntoma inequívoco do enorme substrato de dignidade e rebeldía das súas sociedades civís. E iso, a pesar da ofensiva dos poderes fácticos do Imperio do Norte que non dubidan en utilizar o suborno, a chantaxe financeira e o bloqueo económico. E, se fai falta, recorrendo ao golpe de estado.

Por iso, é unha boa noticia o liderado de países coma México na construción dun novo marco de diálogo e desenvolvemento na rexión, reavivando a Comunidade de Estados Latinoamericanos e do Caribe á marxe da OEA, o desacreditado “ministerio das colonias” imperial. A pesar das diferentes posicións de cada país, a celebración do último cumio da CELAC demostra que moitos dirixentes comprenden a necesidade da unión de Latinoamérica para saír do subdesenvolvemento e da crise permanente que afecta a ese continente. Identificar, como fixo López Obrador, o longo período neoliberal como a peor etapa histórica de México (de miseria social e corrupción política) representa un avance considerábel fronte a gobernos anteriores. Máis clara aínda, a posición do presidente boliviano Luís Arce, sinalando con acerto a necesidade de “enterrar a OEA” e xubilar o seu nefando portavoz, o uruguaio Luís Almagro, implicado no golpe contra Evo Morales.

Pero esta maré progresista asusta a EUA. Saben que os novos mandatarios recibiron un amplo apoio social, incluso das capas medias, descontentas coa miseria, a dexeneración da clase gobernante e o espolio sistemático dos seus recursos naturais. Este espertar da dignidade nacional revela que os golpes de estado, o terrorismo ou o suborno dos parlamentos e das xudicaturas xa non resultan efectivos, como se demostrou en Bolivia e ocorre en Brasil co regreso de Lula, en pugna co fascista Bolsonaro. Por iso, o Comando Sur do Imperio está preparando falsos positivos entre Colombia e Venezuela, ademais de fomentar a insidia e as fake news nos medios como estratexia de desmoralización da esquerda. Pero resúltalles insuficiente, necesitan introducir un novo impostor vestido de antisistema para confundir e dividir a base socio-electoral e restar apoios ao campo progresista, como ocorre noutras partes do mundo.

Esa é a razón de que VOX estea desenvolvendo unha frenética actividade en diversos países latinoamericanos ofrecendo o seu modelo de odio: atraer aos descontentos, cun discurso vacuo e radical, culpando de todo á esquerda. O modelo clásico de intoxicación nazi para frear os movementos progresistas e acosar os gobernos de esquerda. Os camisas negras da “madre patria” chegan co aval do seu éxito español de partido “antisistema e anti-comunista”, que ansían explotar nas Américas co beneplácito do establishment norteamericano.

Trátase dunha operación impulsada por certos segmentos do capitalismo financeiro internacional, algunhas empresas do IBEX35 e o lobby cubano de Miami. A ofensiva dereitista “hispano-americana” ten como obxectivo impedir que os países ao sur do Río Bravo se afasten definitivamente do modelo neoliberal e da tutela ianqui.

Comentarios