Opinión

O insoportábel bafo do lameiro español

Calvo Sotelo prefería unha España vermella a unha rota, pero os seus epígonos prefírena podre, quizais porque ese estado, viscoso e decadente, é consubstancial coa súa natureza  depredadora e lamacenta. Resulta case imposíbel localizar outro territorio, na xeografía próxima ou distante, que conteña tantos cargos políticos e empresarios imputados ou xulgados por saqueo da cousa pública —case 1.400 desta especie fórono entre 2015 e 2016. Pero xa resulta imposíbel encontrar noutras latitudes un caso no que a profusión de tales delitos e condutas abarque dende a máis alta instancia do Estado, a mesma Casa Real, ata concelleiros e alcaldes, pasando por presidentes do goberno, ministros, tesoureiros, maxistrados e altos responsables dos partidos políticos.

A amplitude e profundidade desta trama criminal vai máis alá da ruína das arcas públicas e do empobrecemento de amplas capas da poboación. Con ser isto extremadamente grave, co latrocinio organizado dende as máis altas instancias do Estado estamos ante unha acción inmoral e sistemática de destrución da cousa pública, do progreso e da convivencia en paz, moito máis perigoso, duradeiro e de máis alcance que o crime común ou as accións terroristas, porque estes últimos fenómenos, sendo inadmisíbeis, son illados e limitados e, por tanto, controlábeis. 

A amplitude e profundidade desta trama criminal vai máis alá da ruína das arcas públicas e do empobrecemento de amplas capas da poboación

Os individuos que saen na TV non son máis que a punta do iceberg. Trátase dunha mafia poderosa que non só rouba e se deixa subornar nos concursos públicos, senón que premia os pelotazos dos ladróns e defraudadores saíndo en socorro das “legais” estafas piramidais con diñeiro público  —máis de SESENTA MIL MILLÓNS de euros, como mínimo, a fondo perdido para a Banca. Estamos diante dunha crise profunda que, en si mesma, constitúe un problema de perversión estrutural do Estado Español, de todos os seus poderes, que vai dende o desprestixio das institucións ata o problema territorial sen resolver. Algo de tal gravidade que debería levar a un novo proceso constituínte, coa limpeza simultánea de toda esta podremia. 

O que causa estupor non é que o PP, o partido cos casos máis graves e numerosos de corrupción, onde cada mes se enfronta a un novo escándalo, sen solución de continuidade, pretenda despachar a súa responsabilidade criminal co cinismo de que “é un caso illado”.  O verdadeiramente grave é a incapacidade do aparello político español para resolver esta catastrófica situación. O deterioro da vida pública é de tal magnitude que un partido con 137 escanos fronte a 238 vai seguir gobernando sen que haxa unha alternativa minimamente digna que intente cambiar este rumbo suicida. A responsabilidade vai máis alá do PP. Que se pode dicir do PSOE enlamado nas súas loitas internas e cun desnorte de vertixe? De C’s mellor non falar, só preocupado por ocupar o lugar do PP e facer a mesma política, mais con outro estilo “máis europeo”. 

E, por fin, Podemos. Ese partido está dilapidando o que lle quedaba do seu importante capital político facendo gala dunha insolvencia que asusta

E, por fin, Podemos. Ese partido está dilapidando o que lle quedaba do seu importante capital político facendo gala dunha insolvencia que asusta. Presentan unha moción de censura, algo que podería ser eficaz para clarificar a situación, dunha maneira tan infantil que lle dá todos os argumentos aos demais para non apoiala. Se Podemos fose consecuente co seu papel histórico debería ter formulado esa proposta cunha convocatoria seria e non intentando chegar o primeiro, coa fútil pretensión de que os demais se sumen á súa iniciativa. Moita xogada de curto percorrido e ausencia de estratexia e pedagoxía para posibilitar a formación dun gran movemento polo cambio. Se se quere unha nova formulación do Estado deberían chegar a un consenso con todas as forzas que están por superar o estreito e rancio marco constitucional español, actuando con lealdade e sen imposicións. E, por certo, que pintan os representantes das Mareas no Congreso dos Deputados? Parece que a maldición de Sísifo non nos abandona.

Verín, 27 de abril

Comentarios