Opinión

As inquietantes tebras do 11-S

Vinte anos despois do derrubamento das torres do WTC a narrativa oficial dos EUA sobre aqueles estraños acontecementos segue sendo tan contraditoria e extravagante como ocorreu co asasinato de Kennedy. E de igual xeito, os principais medios de comunicación aceptan esa rocambolesca versión sen rechistar. Non obstante, habería que carecer do máis mínimo sentido crítico para tragar que uns terroristas asentados nas remotas montañas de Afganistán foran quen de asestar o golpe máis brutal (despois de P. Harbour) á primeira potencia mundial sen seren detectados nin bloqueados polos omnipresentes servizos de intelixencia civil e militar. E, aínda máis incríbel, con atentados de gran precisión e complexa loxística atacando, incluso, o inexpugnábel Pentágono. Por iso, asignar o enorme despregamento de poder, control e precisión do 11-S aos pupilos de Ben Laden é algo tan extraordinariamente inverosímil como a versión da bala “louca” que matou a John F. Kennedy. Hai ducias de expertos e profesionais (pilotos de liñas aéreas, arquitectos e enxeñeiros) que cuestionan abertamente esa versión por irreal e disparatada achegando datos e evidencias técnicas do engano. Nesta columna non é posíbel desenvolver os argumentos que rebaterían a hipótese oficial, por iso sinalarei só algúns aspectos de interese.

As torres xemelgas foron deseñadas cos últimos avances da construción en canto a resistencia de materiais, estabilidade e seguridade. Incluso, estaban calculadas para resistir un choque dun Boeing 707. Non se trataría do primeiro accidente dun grande avión nun edificio desas características. En 1945 un bombardeiro B-25 bateu contra a planta 79 do Empire State sen que se derivasen as terríbeis consecuencias do WTC. Mais a versión oficial afirma que a caída das torres se debeu aos incendios ocasionados polos impactos (arderon 56 e 102 minutos respectivamente), pero en 2005 a Torre Windsor de Madrid (32 pisos) estivo ardendo durante 24 horas (!) sen que a estrutura chegase a colapsar. Tampouco se logrou explicar como o edificio 7 do WTC se derrubou sobre si mesmo sen que mediase ningún impacto nin incendio. Demolicións controladas?

Ese día, ao pouco tempo dos “ataques terroristas” entrou en funcionamento o protocolo aprobado na época de Eisenhower que estabelecía que en caso de morte do presidente da nación e dos presidentes do Senado e da Cámara de Representantes o poder efectivo pasaría a un “goberno de continuidade” de tipo militar. Porén, ese suposto non se verificou no 11-S. É dicir, durante unha parte considerábel desa xornada os EUA foron gobernados por unha xunta militar secreta á marxe do control constitucional. Con que obxecto?

Por último, se realmente Laden (moi vinculado á familia real saudí) fose o autor intelectual do atentado, en vez de invadir Afganistán tería máis sentido para EUA (é un dicir) a toma de Arabia Saudita como resposta a ese acto de guerra. 

Todo moi estraño. Pero, quen se beneficiou coa “guerra contra o terrorismo” iniciada en 2001? Sigamos a pista do diñeiro. Quen gañou billóns de dólares en Afganistán, Irak, Siria, Libia etc? O complexo financeiro-militar-industrial?

Comentarios