Opinión

Información obxectiva, adeus

A posverdade defínese como a distorsión deliberada da realidade, potenciando as emocións e os prexuízos persoais sobre os feitos obxectivos, coa idea de manipular a opinión pública a través dos medios e as redes sociais, de forma rápida e masiva. Un fenómeno actual, moi presente na guerra de Ucraína.

A invasión rusa é unha traxedia atroz, no entanto, sería de agardar da democrática e civilizada Europa unha actitude máis racional e máis construtiva, en interese propio e da humanidade. Non sería contraditorio con ser solidarios co pobo ucraíno. Ao contrario, subministrando unha visión parcial da guerra, promovendo unha posverdade ad hoc e un frenesí de sancións anti-rusas, só se revela a debilidade e o fracaso de Europa. Simple claque de EUA, nunha estraña conxunción entre socialistas, conservadores e unha gran parte da extrema dereita europea. Empobrecendo a xente non se axuda os ucraínos nin os europeos e creo que están nun erro os que pensan que o golpe das sancións vaino levar Rusia. Os rusos xa levaban sufrindo enormes sancións dende case unha década e tiñan a súa economía orientada á autosuficiencia e ao comercio con Asia, África e América Latina, mercados que van absorber en gran medida as antigas exportacións a Europa. Por iso, non é suficiente con denunciar e sancionar a invasión rusa, tamén compre coñecer a natureza do conflito ucraíno e os intereses económicos e xeopolíticos subxacentes.

Neste contexto, o éxito de EUA é innegábel. Vai lograr separar Rusia de Europa e conseguir que a UE lle compre, ao dobre ou triplo do prezo, gas e cereais aos americanos lastrando gravemente a economía do continente e supeditándoa ao ditado anglosaxón. Ao tempo, Biden logrará o que non puido Trump: que os países europeos eleven o seu orzamento militar co obxecto de que paguen o rearme occidental contra Rusia. Unha manobra perfecta, vitoria por KO. É este o futuro para Europa, a de marionetas de EUA e reféns da OTAN? O complexo militar-industrial ianqui estará eufórico. Estarán tamén de acordo países como Francia ou Alemaña? Dubidoso.

No entanto, esa anulación de Europa que anunciaba en anteriores columnas estase facendo realidade sen apenas oposición, grazas á unha campaña de desinformación masiva, agravada nas últimas semanas. Sería razoábel pensar que a prioridade para Europa debería ser a de traballar para conseguir parar a guerra e poñer fin ao sufrimento civil, ademais de evitar aquí as súas graves consecuencias socio-económicas (na Galiza xa se fala de risco de desaparición do sector gandeiro). No entanto, as autoridades comunitarias (en contra da propia carta fundacional da UE) delegan nos ianquis as principais decisións, facilitando armas a un exército derrotado, prolongando o sufrimento de forma inútil. Os cidadáns pagaremos a guerra, as sancións e o rearme. Un disparate.

Seguiremos en silencio asistindo impertérritos á posverdade de Ucraína, como antes á de Iugoslavia, Siria, Iraq, Libia ...? Por certo, a vilipendiada Venezuela deixou de ser o mal reencarnado, EUA necesita o seu petróleo. Déitaste demo e érgueste anxo por decreto do Tío Sam. Outra nova (a)normalidade.

Comentarios