Opinión

Inevitábel cambio de paradigma

Aínda que a historia non se repite hai episodios relevantes de diferentes épocas que gardan similitudes en canto á súa transcendencia histórica. Quizais, o máis parecido coa crise actual sexa o da Peste Negra do século XIV. Nesa época, atopábase en plena decadencia o sistema medieval. Nun contexto de forte erosión do poder feudal, cos labregos extenuados pola fame e a miseria, e as capas burguesas en continua rebelión polos fortes tributos e limitacións a que eran sometidas, apareceu a peste bubónica. Traída polos mercadores dende zonas endémicas de Asia, acabou por acelerar o derrubamento da orde feudal e precipitar o nacemento do capitalismo.

No s.XXI, a que está ameazada é a súa variante neoliberal, non pola bacteria Yersinia pestis, senón por causa do coronavirus, ambos oriúndos de Oriente e de orixe animal. Non obstante, o seu nexo máis sobranceiro é a coincidencia coa decadencia dos respectivos sistemas socio-económicos, tanto no século XIV coma no XXI. O neoliberalismo leva en devalo dende a crise de 2008, onde se revelou coma un modelo profundamente desigual, inhumano e irracional, cada vez máis contestado pola xente, farta dun mundo inxusto e caótico. Nin as guerras imperialistas sen fin, nin a voracidade dos mercados, que destrúen todo o que non é funcional os seus intereses, van poder evitar o colapso final. EE.UU., ensimesmado nas súas disputas internas e sen o liderado indiscutíbel de antano, e o abandono polo Reino Unido do proxecto europeo son algúns dos signos dese fin de ciclo. Só faltaba un catalizador que rematase a faena: o coronavirus, coa súa secuela catastrófica económico-sanitaria. Algúns láianse, como se o problema da desfeita fose cousa de hai uns meses. Non, ocorre que agora fíxose máis evidente. Como sinalaba hai uns días en El País o filósofo británico John Gray “o capitalismo liberal está en quebra… ese experimento chegou á súa fin”, dedicándolle un aforismo elocuente: “…Que un país elimine a agricultura e dependa doutros desbotarase como o disparate que sempre foi”.

Dende o omphalós londiniense, prognostica a chegada dun “estado protector”, máis intervencionista, con certos límites ao crecemento e ás liberdades individuais, no que cobraría especial relevancia a investigación científica e a innovación tecnolóxica. Porén, de forma estraña, Gray —amigo de George Soros—, invisibiliza o capital financeiro na nova ecuación, coma se fose un elemento accesorio. Pero o novo sistema só será verdadeiramente transformador se a cooperación entre nacións soberanas logra liberarse do poder omnímodo da banca internacional (a que creou o planeta neoliberal do que renega Gray). O mundo vai cambiar, e o modelo de transición que insinúa o británico non sería totalmente desprezábel sempre que o diktat dos mercados globais non pase a ser exercido por algunha potencia rexional forte (para Gray a idea da cooperación internacional é puro “pensamento máxico”). Pero non nos enganemos, a dirección dos cambios dependerá da forza dos pobos. E, igual que no século XIV, o establishment está manobrando para controlar o caos circunstancial e perpetuarse no novo modelo.

Comentarios