Opinión

O incerto futuro da acrópole galega

Algúns dos edificios que forman a acrópole de Monterrei, situada no Val de Verín sobre os restos do Castro de Baroncelli, remóntanse ao s.XI sendo o seu castelo reedificado por Afonso Henriques —primeiro rei de Portugal— no s.XII. Neste castelo asentáronse diferentes estirpes señoriais coma os Ulloa, Zúñiga, Fonseca e Alba. 

Algúns dos edificios que forman a acrópole de Monterrei, situada no Val de Verín sobre os restos do Castro de Baroncelli, remóntanse ao s.XI sendo o seu castelo reedificado por Afonso Henriques —primeiro rei de Portugal— no s.XII. Neste castelo asentáronse diferentes estirpes señoriais coma os Ulloa, Zúñiga, Fonseca e Alba. Foi testemuña das guerras entre Pedro o Cruel e Henrique de Trastamara e, en 1506, do encontro entre Felipe o Fermoso e o cardeal Cisneros. Antes, en 1494, imprimírase o primeiro incunábel galego —o Missale Auriense— da man dos impresores Rodríguez de la Pasera e Juan de Porras, o que da unha idea da importancia cultural do asentamento nobiliario daquela época. A importancia posterior deste enclave está ligado ás guerras con Portugal e á Guerra de Sucesión do s.XVIII. No século XIX, durante as guerras con Napoleón, convértese no cuartel xeral do exército de Galiza ata que Soult se fixo coa fortaleza. A acrópole, ademais do Castelo co seu Pazo dos Condes e torres do Homenaxe e das Damas, consta de varios recintos amurallados, un Hospital de Peregrinos construído en 1391, e unha igrexa erixida entre os séculos XIII-XIV de estilo románico de transición. O conxunto converteuse nun cuartel militar e finalmente foi abandonado. 

"Coa chegada da II República foi declarado, en xuño de 1931, Monumento Nacional. Na actualidade é un Ben de Interese Cultural e forma parte do catálogo de monumentos do patrimonio histórico da Xunta de Galiza".

Coa chegada da II República foi declarado, en xuño de 1931, Monumento Nacional. Na actualidade é un Ben de Interese Cultural e forma parte do catálogo de monumentos do patrimonio histórico da Xunta de Galiza. Na década dos 60 comezaron as primeiras obras de restauración coincidindo coa construción do Parador de Monterrei, situado moi cerca, sobre os restos do convento dos xesuítas. As intervencións na acrópole foron puntuais e sen continuidade o que orixinou un deterioro dos traballos de restauración limitándose as autoridades a manter un gardián-guía —que atendía como podía aos visitantes que se acercaban o lugar—, ademais da realización dun Proxecto Piloto en 1986. 

A finais dos 80 o movemento cultural verinés iniciou unha campaña denunciando a situación de abandono da acrópole chegando o asunto ata o Parlamento Galego —1989— da man do BNG. Daquela, a Xunta presidida por Fraga Iribarne, estaba —aparentemente— de acordo en realizar un “Proxecto Global” de recuperación da acrópole que servise culturalmente á comarca. As Xornadas Culturais —realizadas durante a década dos 90 pola Asociación Cultural Monterrei— difundiron a problemática da acrópole a todo o país e pola comarca desfilaron multitude de estudosos e expertos co fin de elaborar un proxecto director e instar ás autoridades a financialo establecendo fases de execución e prazos concretos. Como consecuencia desta intensa actividade en 1996 aparece a promesa dunha primeira intervención de 55 millóns de pesetas. Daquela o movemento cultural demandaba —en coherencia cos estudos realizados— dedicar o castelo a museo etnográfico, sede dun Centro de Iniciativas Turísticas e programación de actividades lúdicas e culturais, entre outras opcións.

"A finais dos 80 o movemento cultural verinés iniciou unha campaña denunciando a situación de abandono da acrópole chegando o asunto ata o Parlamento Galego —1989— da man do BNG".

A finais de 1996 o conselleiro de Cultura Pérez Varela promete investir 524 millóns e resolver dunha vez as obras de rehabilitación e en 1999 a mesma consellaría anuncia que o castelo será un “centro de actividades culturais, con congresos, exposicións e actividades diversas”. Todo iso debería estar rematado en 1999 con motivo do Xacobeo. En 1998 só se levaban investidos 100 millóns do total prometido, a maioría deles en infraestruturas ou desfacendo obras de rehabilitacións anteriores.

Este rosario de incumprimentos de investimentos, prazos e alteración do proxecto piloto orixinal mantense ata 2005. Durante o goberno bipartito da Xunta —2008— conséguense fondos estatais para a rehabilitación do proxecto orixinal e solicítase a transferencia da acrópole a Galiza feito que se produce mediante unha Resolución de marzo de 2010. A cesión —realizada polo Ministerio de Economía e Facenda— faise “con destino a Centro de divulgación, innovación e promoción da moda, o viño e as augas medicinais da comarca, restauración e musealización dos edificios e arquivo das tradicións da fronteira e pobos próximos”.

"Durante o goberno bipartito da Xunta —2008— conséguense fondos estatais para a rehabilitación do proxecto orixinal e solicítase a transferencia da acrópole a Galiza feito que se produce mediante unha Resolución de marzo de 2010"

E chegamos a 2013 en que se observa unha estraña actividade no Castelo con movemento de maquinaria pesada —o paso dos camións derruban muros centenarios— no medio dun estrito hermetismo. As autoridades locais non están informadas de nada —o concello de Monterrei debe dar as oportunas licenzas de obras— e non se permite aos veciños ir ver que pasa. De novo o movemento cultural dá a voz de alarma e consegue hai unha semana que o mesmísimo Núñez Feijóo se acerque ata Monterrei a dar a boa nova: o castelo estase rehabilitando para convertelo en Parador de alto nivel. A arquitecta amosa un resumo do proxecto no que aparece un uso exclusivamente hoteleiro e todos os asistentes —menos a Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei e outros que asistimos estupefactos a tal paripé— quedan marabillados por tal magnanimidade da administración para cos seus vasalos. Para que se poida asimilar mellor tamaño desengano a décadas de promesas de uso cultural anúnciase “que a acrópole se poderá visitar polos veciños sen ningún problema”. Visitar o que? Cando se pase á rede de Paradores o seu propio uso hoteleiro será incompatíbel en gran medida co de Centro de divulgación, co de uso museístico, arquivo, etc, que sería o que permitiría converter a acrópole nun foco de dinamización económica da comarca. O curioso é que isto faise contradicindo o espírito e a letra da cesión antes citada.

"Cando se pase á rede de Paradores o seu propio uso hoteleiro será incompatíbel en gran medida co de Centro de divulgación, co de uso museístico, arquivo, etc, que sería o que permitiría converter a acrópole nun foco de dinamización económica da comarca"

Por último, resulta estraño que se cree outro parador á beira do existente que, segundo Feijóo e a responsábel de Paradores SA, é o máis deficitario do estado. Se non funciona unha excelente instalación coma a actual en que se basean para supoñer que será rendíbel o uso hoteleiro do castelo? Lembro unhas declaracións da secretaria de Turismo Isabel Borrego nas que afirmaba que nos Paradores “hay que sanear las cuentas y después ya se verá…”. Antes, outra fonte do goberno non descartaba a privatización da rede ante as cifras negativas da sociedade anónima. Nos dous últimos anos necesitou unha inxección do estado de máis de 80 millóns para facer fronte a unha débeda de 110 millóns e a ocupación baixou do 70 ao 50% nos últimos cinco anos. 

O perigo de todo isto é que se gasten varios millóns de euros do erario público —a partida actual é de 1,4 á que hai que sumar os 3,4 gastados nos últimos anos— sen que tal cousa serva para dinamizar unha comarca absolutamente deprimida e despoboada e que o patrimonio público, económico e cultural, vaia parar ás mans dalgún empresario global neoliberal dos que tanto gustan os gobernantes actuais. Sería totalmente inaceptábel.

Comentarios