Opinión

Impostura climática

O próximo día 12 remata en Glasgow o 26º cumio sobre o cambio climático, denominado Conferencia das Partes (COP) na orwelliana terminoloxía do Foro de Davos. Unha das anécdotas máis comentadas foi a foto de Biden durmido mentres se debatían asuntos relacionados coa contaminación. A mellor metáfora da COP. Unhas horas despois volveu ser noticia en Roma ao chegar á xuntanza do G20 acompañado por un séquito de 85 vehículos de gran cilindrada. Estas son as grandes contradicións das COP: os discursos non se corresponden cos feitos e os que máis contaminan empéñanse en darlle consellos aos demais (como o de ir en bicicleta ao traballo). Fai o que che digo e non fagas o que eu fago.

Foi moito máis atinado Luís Arce, o presidente de Bolivia, ao denunciar que os países máis desenvolvidos intentan aproveitar a crise climática para impoñer o “novo colonialismo do carbono” ligado ao “capitalismo verde”, sinalando que "A solución á crise climática non se vai lograr con máis capitalismo verde e máis mercados globais de carbono; a solución pasa por cambiar o modelo de civilización e avanzar a un modelo alternativo do capitalismo ... e para iso os países desenvolvidos deben transferir os recursos financeiros necesarios aos países subdesenvolvidos para facelo posíbel”. Transferir, non “prestar”, unha proposta razoábel que ninguén de occidente quere escoitar.

En realidade, a COP de Glasgow (igual que todas as demais) é un gran engano. Mentres amosan na conferencia apocalípticos vídeos de dinosauros advertindo da catástrofe climática que vén co obxecto de que nos entreguemos ao capitalismo verde, de forma simultánea e subrepticia os mesmos líderes occidentais (especialmente a elite anglo-norteamericana) que claman contra o quecemento do planeta están levando a cabo unha modernización sen precedentes do arsenal nuclear con capacidade de reducilo a cinzas nun só instante. Non se trata de retórica: unha semana antes de comezar a COP26 a OTAN levou a cabo o exercicio de guerra nuclear Steadfast Noon nas súas bases do centro e sur de Italia onde utilizaron os últimos avances para liquidar a humanidade. O mesmo ocorre coa frenética modernización da frota de submarinos nucleares. Pero a estes eventos non se lles deu ningunha publicidade para non estragar a COP26. Debemos agardar algunha credibilidade destes “ecoloxistas”?

A falacia máis grande é a de responsabilizar a todos os países por igual, cando os máis industrializados son os maiores contaminadores e os causantes (segundo a doutrina climática comunmente aceptada) da situación actual. Segundo o investigador sueco Stefan Gössling a faixa dos súper ricos contamina 10.000 veces máis que un cidadán medio. E, segundo o informe  The Carbon Majors, as 25 compañías transnacionais máis grandes son as responsábeis da metade das emisións de CO2. Se os máis ricos son os que están destruíndo o planeta o razoábel sería que en Glasgow se tomasen decisións urxentes ao respecto. Pero non hai nin unha soa palabra ao respecto.

O grave de todo isto é que a sociedade (ilustrada e non ilustrada) só fala do que as elites queren e nos termos que a elas lles interesa.

Comentarios