Opinión

O Imperio Británico volve á escena mundial

Os medios españois levaban meses anunciando unha desfeita económica no Reino Unido se os partidarios do Brexit gañaban as eleccións, pero en contra de todos os prognósticos apocalípticos a vitoria do Partido Conservador de Boris Johnson fixo subir as bolsas do planeta e catapultou a libra esterlina, coa maior subida dende 2017, destacando os grandes bancos británicos con alzas de ata o 10%. A City e os mercados están eufóricos, dato que confirma a hipótese que defendemos algúns de que o Brexit é unha operación plenamente consciente do establihsment británico e non unha enfermiza eurofobia ou ocorrencia de líderes de extrema dereita como Nigel Farage. Esta última era tese de certos analistas que se conforman con navegar pola superficie dos eventos sen profundar no seu significado. Agora, no colmo do disparate e contradicindo todas as súas crónicas anteriores, afirman que a UE está encantada con este resultado. Pouco críbel, os unionistas deberían estar preocupados; cando alguén se vai da UE, como vai facer o Reino Unido, é porque pensa que fóra lle vai ir moito mellor. Os británicos están convencidos, e con bastantes posibilidades de éxito, de que poderán seguir facendo negocios e mangoneando o sistema financeiro mundial (e por suposto o europeo) dende a City sen ter que agardar ao beneplácito de Alemaña e Francia.

Tamén se equivoca quen pense que a estratexia do Brexit significa un repregue británico no ámbito internacional. Nada máis lonxe, e o Times encárgase de aclaralo ao sinalar que a vitoria “tory” acabará co “status de paria de Gran Bretaña (na UE)” e non dubida en que os investidores estranxeiros decidiranse a facer negocios no Reino Unido de forma masiva, cualificando o día 12 de decembro como un dos máis optimistas para a City dende o referendo de 2016. Unha opinión coincidente coa manifestada polo ministro de defensa do Reino Unido xa a finais de 2018 onde, nunha entrevista no Sunday Telegraph, afirmaba que durante moito tempo os intereses británicos estiveron lastrados pola Unión Europea. Por tanto, o Brexit era a oportunidade de “volver ser un verdadeiro actor global” revelando o ministro o seu interese por abrir novas bases militares en Asia e no Caribe. Toda unha declaración de intencións. Moitos esquecen que o Imperio Británico non é unha cousa do pasado; ao contrario, goza de moi boa saúde a través da Commonwealth, que agrupa a 53 países e máis de dous mil millóns de habitantes. Unha realidade transcontinental, política e comercial incontrovertíbel, onde en moitos deses países reina a raíña de Inglaterra e Londres é vista como a súa gran metrópole.

Porén, o New York Times, representante do sector neoliberal clásico anglo-norteamericano, sinala que a vitoria dos conservadores (e do proxecto de Brexit) non deixa dúbidas de que na ecuación global actual os intereses nacionais marcan a axenda, lamentándose de que o mundo se estea volvendo contra a globalización. Quizais no NYT non se decatan de que o mundo está cambiando e que xa non existe un sistema internacional unipolar liderado por Estados Unidos en solitario. Nos últimos anos producíronse cambios fundamentais na correlación de forzas nos ámbitos económico e militar no mundo. China está collendo a dianteira no desenvolvemento tecnolóxico das comunicacións e na intelixencia artificial e xa non se pode obviar a súa influencia como súper-potencia económica. Por outra parte, Rusia está experimentando procesos de transformación profunda na súa economía primando a investigación de vangarda en diferentes campos científicos e tecnolóxicos, ademais de converterse nunha súper-potencia no ámbito militar amosando unha crecente e indisimulada alianza con China.

Hoxe o mundo xa é unha realidade multipolar, se ben aínda non totalmente consolidada, e a época neoliberal pos-soviética está sendo re-emprazada por un novo paradigma que poderiamos cualificar como pos-occidental no senso de que a supremacía económica, militar e tecnolóxica xa deixou de ser unha característica exclusiva do capitalismo neoliberal impulsado polas potencias capitalistas de occidente. Os británicos decatáronse desa incómoda realidade (para eles) e queren xogar un rol sobranceiro nese novo escenario en alianza exclusiva cos norteamericanos, aínda que Trump non coincida exactamente con ese novo proxecto. Todo está indo moi rápido, pero xa resulta innegábel que o mundo está cambiando, anque hai moita xente (demasiada) que non acaba de aceptalo, e menos de comprender o que ocorre. Mentres, outros deciden.

Comentarios