Opinión

Guerra do Leste, segunda fase

Cos referendos do Donbass e dos oblast de Khersón e Zaporiyia, onde se está decidindo pola gran maioría dos seus habitantes a integración na Federación Rusa, estamos asistindo á culminación da fase política da "Operación Especial" anunciada por Vladimir Putin o pasado 24 de febreiro. É dicir, a autodeterminación dos territorios con fortes ligazóns con Rusia nos planos político, económico, social, familiar, lingüístico e cultural dende hai séculos. Co obxecto de aclarar dúbidas, cómpre lembrar que hai 14 anos, por iniciativa dos anglo-norteamericanos, decidiuse a independencia de Kosovo, segregándoo pola forza de Serbia, sen acordo da ONU nin referendo. Non obstante, a Corte Internacional de Xustiza da Haia non opuxo reparos declarando que o dereito internacional non ten disposicións que limiten as declaracións de independencia. Moi interesante, a ver que di agora a CIX.

Independentemente de se estamos ou non de acordo coa marcha dos acontecementos, a perspectiva do tempo transcorrido, dende o golpe de estado perpetrado pola OTAN na Ucraína en 2014, impoñendo gobernos dominados por rusófobos e neonazis, aparece con bastante nitidez. Que se pode obxectar a que a orixe da guerra actual, as súas dramáticas consecuencias e os cambios xeopolíticos derivados están ligados estreitamente a este feito?

Tampouco é discutíbel que o actual réxime ucraíno non só está deslexitimado pola súa orixe anticonstitucional, tamén o está pola persecución política de moitos dos seus nacionais e pola represión militar, política, social e cultural do Donbass e doutras zonas do país que se rebelaron (con todo dereito) contra o golpe de estado. Despois de oito anos de represión, torturas e asasinatos pola OTAN e as elites neonazis de Kíiv na antiga Novarossía (dende Donetsk ata Odessa), coa consecuente negación dos seus dereitos nacionais e a oposición a materializar os acordos de Minsk (apoiados pola ONU), non se podía agardar outro resultado diferente, por moi tráxico que resulte.

Os acontecementos de Novarossía provocarán unha profunda metamorfose na Guerra do Leste. A partir da próxima semana un ataque ás antigas repúblicas ucraínas será considerado un ataque a Rusia e iso provocará respostas con resultados que un preferiría non imaxinar. Esa probábel continxencia marcará de facto a fase 2 desta guerra, moito máis letal dende o punto de vista militar para Ucraína e dun impacto terríbel para as economías, o sistema político occidental e a paz mundial.

En definitiva, as decisións tomadas por Rusia despois da celebración do cumio da OCS en Samarcanda confirman que houbo información previa e coordinación entre os principais aliados desa organización (principalmente coa China). Sen dúbida, a situación é moi perigosa e tende a escalar. A OTAN está nerviosa, as PsyOp non abondan para dar unha falsa sensación de que todo vai ben. Unha proba da demencia occidental son as sabotaxes contra os gasodutos Nord Stream I e II, algo que, pola zona onde ocorreu (áreas de interese económico danesas e suecas) e a dificultade técnica, apunta aos servizos especiais da OTAN (británicos ou americanos): o inimigo a bater é Europa.

Comentarios