Opinión

Gañar a primavera

A historia do nacionalismo galego dos últimos dez anos non se pode dicir que fose moi afortunada. Despois da perda do goberno da Xunta en 2009 as discrepancias internas no seo do BNG estalaron de forma incontrolada na infausta asemblea de Amio de 2012. A sangría continuou durante anos, na casa do pobre as desgrazas nunca veñen soas. Dende aquela, a tendencia electoral negativa acrecentouse ata niveis alarmantes ameazando con sepultar na irrelevancia o proxecto nacionalista máis xenuíno e intelixente dende a época de Castelao. Porén, unha vez máis, a resistencia numantina duns e a mestura de megalomanía, inexperiencia e desnorte doutros acabou premiando as referencias coñecidas e certas fronte ao inútil camiño da aventura e a auto-destrución. Por estas e outras cousas, dez anos despois da gran desfeita, volve ser o BNG a única alternativa críbel ao PP na Galiza. Foi un longo e sinuoso camiño, como diría McCartney. Nel quedaron moitos cadáveres de irmáns, como sucede nas loitas fratricidas, pero mirar atrás con resentimento só serviría para enlamarse no que xa non ten remedio. O nacionalismo galego non é (non pode ser) unha cousa de bos e malos, e achará o seu camiño cando sexa quen de integrar con xeito a realidade cotiá do país —diversa, cambiante, diferente, contraditoria...— sen caer no reducionismo. Necesitamos aprender e evolucionar, ser máis humildes, tolerantes e pragmáticos. Ser conscientes de quen somos, das nosas limitacións, pero tamén da indestrutíbel enerxía creadora do pobo galego.

Agora, urxe saír do lameiro e avanzar. O porvir de Galiza non pode agardar a un utópico futuro perfecto no que todo o mundo alcance a maioría de idade mental e política, e se faga a luz. Nunca ocorrerá, no mundo real a historia non se desenvolve de forma idílica e lineal. Por iso, outros catro anos máis da dereita a fronte da Xunta condenará á irrelevancia o noso país e a lanterna da razón só nos servirá apenas para dexergar as inermes ruínas que quedarán detrás da falsa postal de cores que finalmente nos legará Feijóo. Só queda, pois, derrotar o PP, o obxectivo inescusábel da esquerda nas eleccións do 5 de abril. E, cos seus defectos e virtudes, a forza política en condicións de facer unha contribución determinante a esa vitoria é o BNG. A historia bríndalle ao nacionalismo a ocasión de volver ser alguén na realidade política do país, sen necesidade de comezar dende cero, se é quen de incorporar as súas mellores tradicións. Para iso, compre xenerosidade e pragmatismo, e dármonos (todos) a oportunidade de corrixir os erros do pasado. Unha última reflexión; a porfía na artificial proliferación de siglas electorais no campo da oposición non redundará en máis democracia, só servirá para persistir no equívoco, facernos máis débiles e traballar para outra maioría absoluta da dereita. Sería imperdoábel. Os galegos bos e xenerosos necesitamos gañar en abril, encetar esperanzados unha nova primavera que nos permita seguir aprendendo, evolucionando e conquistando espazos, no camiño da soñada alborada de gloria.

Comentarios