Opinión

Game over?

As primeiras alarmas explícitas sobre as nocivas consecuencias da Guerra do Leste para o sistema occidental apareceron a finais de maio no Foro de Davos cando Kissinger, esa especie de oráculo das elites mundiais, ditaminou que as cousas non ían ben e cumpría negociar con Rusia. Algún articulista relevante do Telegraph, voceiro dos conservadores británicos, tamén alertou da inutilidade das sancións. Antes xa o fixera John Gray, da London School. Pero as advertencias multiplícanse e agora son os xornais da ala neoliberal de "esquerda", como The Guardian ou Washington Post (WP), os que están intentando poñer aos seus lectores en modo "acordos de paz con Putin" despois de meses de desinformación e fobia anti-rusa.

Este cambio (forzado) ten a súa lóxica en varios factores: 1) a marcha da guerra é un desastre para a OTAN. 2) O fracaso estrepitoso das sancións a Rusia cunha revalorización espectacular do rublo e un control da inflación moi notábel, como consecuencia da política monetaria e financeira do goberno ruso e do éxito da re-dirección de exportacións a Asia. Non é que á economía rusa non lle afecten as sancións, trátase de que os maiores prexudicados (con diferenza) son os propios países occidentais, especialmente os europeos. 3) Putin ten cada vez máis apoio popular no seu país (moi doloroso de admitir), e 4) a proximidade das eleccións intermedias en EUA e a pésima popularidade de Biden. Esa cita obrigou ao PD a botar man do WP para marcar as primeiras distancias con Zelenski ao acusalo (a estas alturas) de que non escoitase as advertencias de Joe Biden sobre a invasión rusa. Nunha liña similar, o Guardian preme a Boris Johnson (medra o descontento popular no Reino Unido co aumento da inmigración e o custo da vida disparado) ao tempo que suxire a necesidade de facer as paces con Rusia para "evitar que Putin caia nas mans da China". Resulta moi pintoresco todo este panorama despois do desprezo (literal) da OTAN á proposta rusa para un acordo de seguridade europeo realizada a finais do ano pasado. O malo é que o tempo non pasa de balde e vai haber máis sorpresas desagradábeis.

Todos estes movementos dos medios mainstream ante a posíbel catástrofe estratéxica que se aveciña revelan as enormes fendas e contradicións do bloque occidental, ademais de constatar o chasco da "política informativa" seguida pola UE coa Guerra do Leste que agora resulta difícil de endereitar. Non obstante, a xente vaise decatando do engano: en Italia hai un forte movemento en contra de apoiar o envío de armamento, mesmo Draghi solicitou un alto ao fogo. Algo similar ocorre en Francia con Macron (ou o avance de Mélenchon nas parlamentarias), igual que medra o malestar en amplos sectores de opinión de Alemaña. Incluso a ONU comeza a falar dos crimes de guerra dos neonazis ucraínos no Donbass.

Endereitar a posición occidental vai resultar enormemente complexo, e Rusia non ten presa en acelerar un desenlace que controla con claridade. Iso crea un problema de credibilidade e desgaste da política occidental de cara á súa opinión pública despois de todo o que se vomitou sobre o conflito ucraíno.

Comentarios