Opinión

A Galiza imprescindíbel

Parece que foi onte que (algúns) eramos mozos, pero o peso dos anos e as xeracións que veñen pisando detrás certifican que tal parecer é só unha amábel quimera froito da marabillosa elasticidade da memoria. O tempo non pasa de balde, porén unha das súas consecuencias máis proveitosas é a adquisición dun importante sedimento empírico, indispensábel para contrastar con garantías o binomio teoría-praxe. Outra vantaxe é a amplitude da perspectiva vital sobre os acontecementos, brindando a posibilidade de interpretar feitos e vivencias dunha maneira máis acaída e menos pasional.

A fin de semana pasada rendéuselle unha emotiva homenaxe a Emilio López Pérez “Milucho”, un puntal básico da construción do agrarismo galego nos derradeiros anos da ditadura e primeiras décadas do pos-franquismo. Un home de verbo didáctico e enxeñoso, e vontade férrea. Durante o xantar de confraternidade celebrado en Lugo, a cidade que viu as maiores mobilizacións agraristas da Galiza contemporánea —da man das Comisións Labregas—, tiven a oportunidade de falar con diversos asistentes sobre aquela época histórica e iniciática. No encontro labrego da FRUGA houbo ausencias, algunhas obrigadas polo inapelábel ciclo vital, como as de Moncho Valcarce ou Ramón Muñiz, mais destacou a presenza dun grupo de antigos activistas, afastados do movemento labrego e nacionalista dende hai tempo. As diverxencias tenden a relativizarse co paso dos anos, e a resaltar o esencial sobre o secundario. E o esencial, é que nas décadas dos sesenta e setenta do pasado século houbo un fato de mozos e mozas que decidiron tomar a iniciativa na defensa do seu país collendo o facho daqueles devanceiros que quedaran no camiño, vítimas da barbarie fascista. Era un reto titánico, a guerra e a represión devastaran o país deixándoo sen líderes, institucións democráticas e continuidade histórica. Moitos deles asasinados, exiliados ou simplemente silenciados durante a longa noite de pedra. Galiza estaba falta de memoria e orfa de mestres de quen aprender. Houbo que partir case de cero, esa foi unha das vitorias conxunturais de Franco, pero asemade o xermolo imparábel dos novos irmandiños certificou o fracaso estratéxico da ditadura.

Hoxe, cincuenta anos despois do rexurdimento da Galiza máis combativa, é estimulante lembrar os pioneiros, celebrar o seu compromiso e abnegación, propia dos heroes prometeicos, pero tamén resulta indispensábel aprender da súa experiencia. Co seu traballo incansábel lograron construír un amplo movemento social, cultural, sindical e político, sen o que Galiza sería hoxe infinitamente máis vulnerábel. Porén, non debemos esquecer os pasos atrás e, por que non, os fracasos, dos que cumpriría aprender. A convivencia fraternal do xantar de Lugo permite albiscar que o esencial é capaz de vencer o conxuntural. A clave de bóveda do nacionalismo galego —para construír a nación que queremos— deberá descansar na indispensábel unidade de acción dun movemento de masas amplo, diverso e plural. E a lección, é que para esa xigantesca empresa necesitamos de todos e todas as galegas boas e xenerosas. Sen máis adxectivos.

Comentarios