Opinión

Galiza en chamas

Non pensei que as advertencias e consellos que ofrecín, o pasado mes de xuño, nun artigo sobre o terríbel lume de Pedrógão se verificasen con tanta rapidez na Galiza, aínda que os acontecementos dos últimos meses e semanas non fixesen máis que ir nesa dirección. Agardo, no entanto, que as consecuencias dos lumes que arrasan a nosa Terra nestas tristes xornadas non teñan tan dramáticas consecuencias. Mais as novas que nos chegan son desacougantes, con danos materiais e ambientais incalculábeis e, o máis triste e lamentábel, as primeiras confirmacións de vítimas mortais.

Neste momento o País necesita da solidariedade e da axuda desinteresada cos directamente afectados polo lume, e poñernos a disposición das autoridades no que poidamos axudar. Son momentos nos que se necesita unidade e poñer as nosas enerxías no combate contra o lume que se abate sobre os nosos montes, aldeas, cidades e veciños. Os nosos inimigos neste momento son os incendiarios, sexa cal for o seu motivo, causa ou promotor. Aínda que despois haberá que falar doutras cousas non menos importantes.

Os nosos inimigos neste momento son os incendiarios, sexa cal for o seu motivo, causa ou promotor. Aínda que despois haberá que falar doutras cousas non menos importantes

 

As condicións climáticas adversas, cunha seca prolongada, con temperaturas propias da estación estival, constitúen unha preocupante realidade dende hai meses. E o inicio de focos incendiarios en zonas densamente arboradas, formadas principalmente por plantacións continuas de eucaliptais rodeando aldeas e cidades, como ocorreu esta fin de semana no sur de Galiza e con outros matices noutras partes do país, foi o complemento necesario para causar unha gran catástrofe e iso, por desgraza, foi o que sucedeu. Pero, aínda que excepcional, non podemos escudarnos en que esa posibilidade non era un acontecemento imposíbel, nin sequera inesperado. Os expertos en climatoloxía e meteoroloxía levan hai tempo advertindo da tendencia negativa do clima, e a seca levámola padecendo dende hai un ano. Tampouco serve lamentarnos de que algúns deses lumes procedían de Portugal, porque, ou ben a través da Raia Seca ou por riba do Miño os lumes poden chegar a Galiza, como levan chegando dende tempos inmemoriais. As correntes térmicas de convección poden levar as muxicas polo aire a varios centos de metros, incluso quilómetros, algo que coñecen moi ben os expertos.

Mais o importante de cara ao futuro próximo é que todos demos mostras dun claro sentido de País. Nin a oposición debe entrar en xogadas de curto percorrido nin a Xunta pode escudarse no adverso meteorolóxico para que todo continúe igual. Non é o momento de facer comparativas, debemos traballar en positivo e facer propostas construtivas. Por exemplo: a regulación racional —mais tamén radical— das grandes masas de frondosas de alta combustibilidade á beira de aldeas, vilas e cidades debe pasar a ser un dos grandes temas que se deberían negociar e acordar entre todas as forzas políticas e axentes sociais nos próximos días e semanas. E non só se trata de repoñer a xestión da biomasa en faixas de polo menos 100 m de ancho. Hai que regular a silvicultura e eliminar paulatinamente o monocultivo. Non pode haber máis prórroga para unha política forestal que ameaza periodicamente o patrimonio ambiental, forestal e humano de Galiza. Hai que propiciar un gran acordo que leve á modificación dos aspectos máis negativos e involutivos das leis de Montes e de Prevención e Defensa Contra os Incendios, promovendo a prevención e o desenvolvemento do medio rural.

Nin a oposición debe entrar en xogadas de curto percorrido nin a Xunta pode escudarse no adverso meteorolóxico para que todo continúe igual

 

Outro dos grandes temas a tratar deberá ser a estrutura do propio Dispositivo Contra Incendios e a vixilancia preventiva. Con todas as innovacións necesarias debería retomarse o modelo de SPDCIF que logrou reducir de forma notoria o número de lumes e a superficie queimada en máis do 75%. O importante dun dispositivo deste tipo é a rapidez e a profesionalidade das brigadas principais de ataque aos lumes. As vixilancias móbiles de 1ª intervención deben retomarse e reformular os medios terrestres e aéreos nas zonas do sur de Galiza, a máis ameazadas polo lume. As brigadas municipais non poden formar parte da espiña dorsal do SPDCIF. Iso sábeo todo o mundo, incluídos os responsables de Medio Rural.

Por último, pero non menos importante, debe concretarse o papel da sociedade civil (comunidades de montes, cooperativas, gandeiros, pastores e cazadores), e das institucións locais, no apoio complementario na loita contra o lume. É vital chegar a un gran acordo cos concellos para levar adiante labores preventivas nas zonas periurbanas de aldeas, vilas e cidades, ademais de propiciar o voluntariado ambiental de vixilancia mediante actividades programadas polos concellos en colaboración co Goberno Galego.

En definitiva, Galiza necesita un gran acordo para construír unha Nova Política Forestal que sirva para o desenvolvemento do país e faga eficaz a loita contra o lume. E xunto a este acordo deben tamén, finalmente, esixirse as correspondentes responsabilidades políticas porque parece evidente que non se tomaron a tempo as medidas necesarias, máis ben ao contrario, para enfrontar con eficacia unha crise climática e incendiaria que se levaba xestando e anunciando dende hai tempo.

Verín, 16 de outubro de 2017

Comentarios