Opinión

Fragmentación social e fascismo

O analista e ex diplomático británico Alastair Crooke reflexionou nun dos seus últimos artigos de opinión sobre o avance dun totalitarismo encuberto na cultura europea (e occidental) ao tempo que resalta un dramático proceso de metamorfose involutiva no ámbito da esquerda clásica. Así, os mozos bohemios progresistas de Woodstock e da Illa de Wight acabaron converténdose en burgueses "liberais" e controlando altos nichos culturais e políticos, ademais de acceder a postos de responsabilidade en Wall Street e a City derivando nunha casta illada e endogámica que domina unha vasta rede cultural, de medios, educación e tecnoloxía ao servizo do capital financeiro.

Crooke sinala que esta omnipotente rede socio-política é a encargada de proxectar o novo discurso ideolóxico de tipo totalitario (baseado na censura, na auto-censura ou na negación de vías alternativas) impoñendo a cultura das pequenas cousas, a preponderancia da problemática de certas minorías fronte ao gran problema de fondo que representa a enorme desigualdade entre esa minúscula casta elitista, que posúe a inmensa maioría dos recursos económico-financeiros, e o resto da xente ocupada en xestionar nichos subalternos que só perpetúan e agravan esa desigualdade.

Fronte á denuncia das grandes corporacións que practican a explotación máis desapiadada este sistema propón a tiranía da Filantropía (a nova caridade) e da Tecnoloxía (os novos deuses) promovendo a ideoloxía do "espertar" co obxecto de fragmentar os intereses da xente en múltiples nichos dun rango político-social secundario. Consecuencia: a creación dunha enorme confusión social que serve para apartar as miradas do problema principal. Uf, ese é un enfoque demasiado anticuado.

Por iso, inténtannos confundir (por exemplo) con conceptos abstractos tipo "goberno ambiental, social e corporativo" que ocultan un negocio que manexa máis de 30 billóns de dólares en activos xestionados polas transnacionais que apenas teñen impacto sobre unha xestión verdadeiramente sustentábel ou o castigo efectivo das empresas contaminantes.

Trátase da nova ideoloxía do Foro de Davos do "capitalismo das partes interesadas", é dicir, dun novo sistema liderado polas grandes corporacións transnacionais (as partes interesadas), do mesmo xeito que Mussolini entendía o Estado Corporativo Fascista, onde se integrarían de forma "harmónica" traballadores e empresarios baixo un goberno autoritario e tecnocrático. O problema radica en que as novas formas corporativas lideradas por empresarios "guais" como Gates, Zuckerberg, Bezos, Cook, etc., escurecen unha vía tan perigosa como o fascismo do século pasado.

Fronte ao debate racional dos problemas actuais na base social como se facía hai trinta anos, inténtase implantar un sistema moral que, a semellanza da ideoloxía xudeo-cristiá, inculca unha serie de dogmas indiscutíbeis creando na sociedade sentimentos de culpa por actos dos que non é responsábel. Nun estudo recente de The Lancet sinalábase que o 50% de adolescentes e adultos novos sentíanse "tristes, impotentes... e culpábeis" polo cambio climático. E os principais responsábeis, encantados.

Comentarios