Opinión

Festival de casualidades

Un dos últimos eventos de máis importancia crítica no actual contexto de guerra en Europa é, sen dúbida, a sabotaxe de tres das catro liñas dos gasodutos rusoalemáns Nord Stream I e II. Cunha alta incerteza de reparación a curto prazo, Alemaña sufrirá un golpe serio no ámbito enerxético-industrial con consecuencias fatais para a súa economía (e para a da UE).

Segundo sinalan diversos medios, as sabotaxes producíronse pola detonación de varias cargas explosivas. Aínda sen datos de ningún tipo voceiros occidentais apuntaron a Rusia como a sospeitosa habitual. Coa mesma rapidez, o portavoz do Kremlin Dimitry Peskov cualificou a emerxencia como "un acto de terrorismo internacional" desestimando as acusacións de sabotaxe ruso como "predicíbeis, estúpidas e absurdas".

En realidade, as circunstancias preliminares e factuais que envolven as sabotaxes teñen un vector claro que non apunta, precisamente, en dirección Leste. Producíronse a máis de mil quilómetros de Rusia sobre gasodutos nos que investiu milleiros de millóns de euros (dos que agora se ve privada) e en zonas de interese económico e militar de Dinamarca (preto da illa de Bornholm) e de Suecia, países membros ou asociados da OTAN. Que casualidade!

A zona afectada está moi controlada pola OTAN, onde realiza exercicios militares periódicos. O mes de xuño leváronse a cabo as manobras Baltops22 coa participación de 14 membros da OTAN (Dinamarca foi un deles) e dos "asociados" Suecia e Finlandia. Outra casualidade! O portal alemán Nachdenkseiten revelou que as manobras se realizaron baixo o mando da VI Flota de EEUU e algunhas das actividades consistían en simulacros con artefactos explosivos (máis casualidades!). Unha parte desas manobras realizáronse fronte á illa danesa de Bornholm (cuarta casualidade!) operando con vehículos submarinos non tripulados. Incríbel!

Nos meses seguintes seguiron outras actividades militares aeronavais e, en setembro, pouco antes das sabotaxes, varios helicópteros militares de EEUU estiveron sobrevoando durante horas e regularmente a área dos gasodutos preto da illa de Bornholm (quinta casualidade!). Este dato sóubose polo sitio web Flightradar24 que amosa información en tempo real sobre o tráfico aéreo mundial. Cando lle preguntaron aos do Pentágono sobre estes voos rexeitaron responder. Que van saber!

O asunto é que Alemaña (e a UE) pasan a depender en parte do gas de esquisto norteamericano, enormemente caro e en circunstancias de abastecemento moi precarias (fuck the UE, Nuland dixit). Algúns en cambio están moi contentos, como Blinken, o secretario americano de Estado, que cualificou a sabotaxe como "unha tremenda oportunidade" ou o ex ministro polaco Radek Sikorski, que agradeceu publicamente nun chío a voadura ("Thank you, USA"). A soberbia occidental non ten límites, que despropósito.

Máis casualidades, as sabotaxes coinciden coa inauguración do novo gasoduto do Báltico de Noruega a Polonia (país acólito de EUA e inimigo cordial de Alemaña). En fin, as evidencias son tan esmagadoras que ata o famoso economista Jeffrey Sachs considera a sabotaxe "unha provocación máis de Washington". Amén.

Comentarios