Opinión

De fascistas e unicornios

Vivimos nunha época de estraños acontecementos e de cambios veloces e inesperados. Unha época, salvando as distancias, similar á de entreguerras do século pasado, de gran convulsión social e da aparición de ideoloxías políticas, como o fascismo e o nazismo, baseadas no simplismo doutrinal, no discurso demagóxico e no odio ao diferente. Un enganoso talismán para resolver de forma rápida e definitiva todos os problemas sociais. As mesmas ideoloxías que serviron de detonante para precipitar o golpe franquista e a Segunda Guerra Mundial, deixando detrás de si devastación a esgalla e cen millóns de vítimas no seu haber, con décadas de atraso histórico. Parecía que coa súa derrota militar a humanidade nunca máis volvería sufrir de novo o seu rexurdimento. Pero temos mala memoria, e en pleno século XXI esa ideoloxía está en alza de novo en Europa e no mundo, igual que hai cen anos.

Foi un erro pensar que coa desaparición do III Reich e do fascismo italiano, ademais da España franquista, xa era suficiente para erradicar esa ideoloxía de odio, de gran rendemento para a alta finanza. O problema dese razoamento é que esquece os creadores do monstro. Naquel sórdido escenario non só actuaron actores visíbeis coma Hitler, Mussolini ou Franco, tamén había directores e planificadores que non daban a cara, pero sen os que o movemento fascista nunca chegaría a funcionar nin a tomar o poder. E, na súa derrota formal, eses directores lograron evadir as súas responsabilidades históricas e acomodarse no mundo pos-fascista de mediados do século pasado formando parte das intocábeis e excelsas elites “democráticas”. Chamémoslles polos seus nomes: realeza, propietarios da gran banca internacional e das grandes corporacións industriais. Uns tipos listos, igual lles daba financiar ao exército franquista, que a nazis ou aliados. Eles, non foron condenados en Nuremberg, quen pagaron o pato (merecidamente, sen dúbida) foron os tontos útiles. E agora teñen outros.

Como daquela, o sistema social fai auga por todas partes. O desemprego volveuse estrutural e abafante, os ingresos das clases traballadoras (incluídos autónomos e pequenos empresarios) son insuficientes e cada vez máis reducidos, o deterioro dos servizos públicos é constante e as liberdades e dereitos máis elementais están en cuestión, cando non usurpados polos que nunca creron neles. E aí están, co apoio (activo ou pasivo) de grandes medios de comunicación, de familias de rancio avoengo e do establishment bancario e empresarial. Utilizando as forzas represivas (convenientemente adoutrinadas) no seu beneficio. Nada novo.

Por iso causa estupor que forzas coma o PSOE ou columnistas “neutrais” de medios de gran tirada se mergullen no pensamento máxico e poñan ao mesmo nivel vítimas e verdugos. Cómpre repasar a historia, veremos que iso mesmo ocorreu durante a II República, cando as bandas fascistas lideraban o relato vitimista e a esquerda caía na trampa facéndolles o xogo. Por desgraza, as verdadeiras vítimas viñeron despois, con centos de miles de asasinados e exiliados, miseria, fame e emigración, e co país en coma. Non perdamos a memoria.

Comentarios