Opinión

Falemos de Cuba

Situemos correctamente o contexto cubano. Cuba leva seis décadas sometida a un brutal embargo económico por EEUU impedíndolle practicar o libre comercio. Non porque sexa máis ou menos democrática, senón porque rexeita someterse ao ditado neocolonial ianqui (a Arabia Saudita ou a Colombia, que masacran periodicamente os opositores, non lles esixen tal cousa). A quen lle pode sorprender que, sen poder mercar o que necesita e tampouco exportar moitos dos seus produtos, enfronte graves dificultades para desenvolver a súa vida cotiá? Non obstante, como hai algúns cubanos descontentos (onde non?), hai quen dirá que é lexítimo esixirlle a Cuba que se adapte ao canon occidental, incluso mediante a presión política e militar. Pero esa opinión non só é deplorábel dende un punto de vista moral, tamén o é dende o dereito internacional, porque a Carta das Nacións Unidas consagra o dereito de autodeterminación. É dicir, cada país ten dereito a optar libremente polo sistema político que considere máis conveniente para o seu benestar social, económico e cultural, sen soportar interferencias alleas. E Cuba, hai moitos anos que escolleu o seu propio modelo, resultado dunha revolución popular de liberación apoiada na vontade da maioría esmagadora dos seus habitantes. 

Mal que lles pese a moitos, a pesar dos erros cometidos (quen non?), hai máis democracia en Cuba que noutros moitos países considerados democráticos. Sen un amplo consenso social e político, como o que hai en Cuba, sería imposíbel construír a mellor sanidade pública do continente americano, incluso con capacidade para prestar axuda internacionalista a quen o necesite. Tampouco sería posíbel a creación dun excelente sistema educativo universal e gratuíto e unha investigación científica avanzada. Cuba é o único país de América Latina que dispón de cinco vacinas propias contra a Covid (máis que en EEUU), cunha alta eficacia clínica. É ese o país “fracasado” que de que fala o cínico Biden?

Se aos cubanos se lles permitise comerciar libremente, a súa economía melloraría de forma radical. Daquela, o seu sistema político podería ser perfeccionado e a súa democracia popular estaría en condicións de avanzar no camiño dunha sociedade aínda máis xusta. É o que piden o pobo cubano e os seus dirixentes, pero iso non lles interesa aos que queren unha Cuba sometida ao ditado imperial.

Por iso, a semana pasada medio mundo foi bombardeado con múltiples noticias falsas sobre Cuba. Algunhas lóxicas protestas polas estreiteces económicas causadas pola pandemia e o colapso do turismo foron manipuladas polos medios internacionais con fotografías trucadas que se facían pasar por masivas mobilizacións contrarrevolucionarias, mentres se lavaba a cara aos violentos actos vandálicos de grupos orquestrados dende Miami. Nesta colosal operación de intoxicación informativa participaron xornais, como o NYT, El País, El Mundo ou ABC (e incluso RTVE) e se montaron ducias de sisudas tertulias comentando a “descomposición da ditadura cubana”. Pero a diversión desapareceu axiña cando o pobo cubano volveu defender a revolución. E Cuba desapareceu dos telexornais.

Comentarios