Opinión

Estados Unidos?

Ata hai pouco, os EEUU eran o Templo da Democracia ao que se dirixían vicerreis e lacaios para recibir consello dos sumos sacerdotes da metrópole máxima. Cando había dúbidas cos procesos electorais, nalgún país da periferia, bastaba con oír o oráculo de Washington: “Maduro, ese ditador, que dimita e se convoquen novas eleccións”. “En Bielorrusia, Lukashenko debe deixar a presidencia a Tijanovskaya”. “Que Evo Morales se vaia, non nos gusta”. “Que repitan as eleccións, democracia!” Pero neste mundo líquido os camiños da termodinámica social resultan, algunhas veces, inescrutábeis. E mentres os Secretarios de Estado peregrinaban por medio mundo ameazando a destra e sinistra con sancións aos malvados “doutores Non” de China, Rusia e tutti quanti, non se decataron de que unha estraña anomalía estaba abrollando no seu querido e excepcional país. Un estrambótico personaxe, formado nunha universidade de elite da Ivy League, integrado de cheo no paraíso americano do espectáculo e do luxo máis démodé, estaba volteando o país e poñendo en dúbida a bondade do paradigma neoliberal das últimas décadas. Incluso ousou dirixirse aos centos de miles de traballadores en paro do Cinto de Óxido, clamando pola re-industrialización do país mentres as compañías transnacionais se facían de ouro en Asia. Non era un “socialista” do Partido Demócrata. Só un tipo republicano, ao que lle foi revelada a falacia do Soño Americano mentres era arrebatado do cabalo neoliberal de camiño a Washington.

Pero o inquilino da Casa Branca é un tipo contraditorio: un farsante creado nos obradoiros do american business: machista, feirante, egoísta e comediante. Nada novo no despacho oval, pero esa era a súa traxedia; crerse un renovado Robin Hood do século XXI cando non pasaba dun atribulado Huckleberry Finn do Misisipi. E, para a súa desgraza, no Sherwood de Washington nada é o que parece. Incluso, algúns da súa banda traballaban para o Joe Sen Terra de Wall Street. Pero Donald é un truán simpático, e moitos americanos considerárono un dos seus. Menos os amos das finanzas, e a maquinaria mainstream ditaminou que estaba acabado, erixíndose en xuíces e censores do Presidente. Viva democracia corporativa! E sucedeu o impensábel: o reconto de votos (aínda continúa unha semana despois) do primeiro país do mundo en riqueza e tecnoloxía atravesou o espello das certezas precipitándose no camiño de baldosas amarelas de Oz, e quizais no OK Corral do Tribunal Supremo.

Este anti-heroe americano é difícil de matar. Os media quixeron fulminalo, pero Robin Trump é un tipo de grandes recursos. Xa logrou que as estrañas eleccións de novembro arruinaran o prestixio de EEUU e deixaran un rastro indelébel de sospeita que perdurará moito tempo. 

Os que pensan que o fenómeno Trump é algo pasaxeiro non se decatan de que el só é a punta do iceberg. Un mero epifenómeno das profundas fendas que agretan a sociedade americana, dende as bases irredentas e sen teito do Bronx ata a cúpula (dividida) do poder máis excelso de Manhattan. Haberá que agardar o percorrido dos recursos xudiciais para enxergar con algunha certeza o próximo futuro.

Comentarios