mércores 30/09/20

Espantallo e carnada

O avance da ultradereita sempre estivo ligado historicamente aos procesos salvaxes de concentración de capital, coas súas secuelas de miseria social e desemprego. Ocorreu ao final da I Guerra Mundial, co nacemento e consolidación do fascismo e o nazismo en Europa, como instrumentos do poder económico clásico contra as forzas socialistas e de esquerda que ameazaban os seus privilexios. Daquela, a extrema dereita, na súa versión nazi-fascista, representou a carnada perfecta para a enorme masa social de descontentos co sistema tradicional, cuns estados incapaces de resolver o reparto xusto da riqueza e a dignidade nacional. As súas proclamas radicais e populistas lograron intoxicar as masas airadas e desprazar á esquerda, na crenza de que a solución aos seus problemas estaba na exterminación do diferente, sexa por razón de raza, orientación sexual, ideoloxía política ou relixión. Os ultras volveron rexurdir no último cuarto do século pasado cando o neoliberalismo se converteu na doutrina básica do capitalismo, co inicio da deslocalización de empresas, as crises económicas periódicas e os movementos migratorios causados polas guerras neocoloniais.

Na época actual, o auxe desta ideoloxía ten causa, ademais, na crise profunda do sistema neoliberal, incapaz de crear traballo digno, manter e ampliar os dereitos democráticos e dar unha resposta positiva aos anceios de emancipación das nacións dependentes. Se noutrora a extrema dereita foi utilizada para tronzar os movementos progresistas, neste momento é útil como carnada neutralizadora da esquerda, ademais de espantallo contra os cambios imprescindíbeis demandados pola maioría social.

No Estado español funciona unha combinación destas dúas variantes, impulsada por unha trama sinistra que se move ao redor de VOX e de certos sectores do PP, dende a dereita golpista clásica e algúns sectores empresariais (IBEX-35 incluído) ata os grupos ultras enquistados na xudicatura, as forzas armadas, a garda civil e a policía. Toda esta escuadra integrista, con raíz no franquismo e que medrou e se organizou durante o goberno de Rajoy está decidida a neutralizar de forma demagóxica calquera medida progresista que saia do Goberno do Estado ou dunha Comunidade Autónoma. Pero a súa actividade desenfreada e a plena luz do día (chea de odio, provocacións e agresións, con vídeos incluídos) só é comprensíbel se senten o respaldo dos poderes fácticos (económicos e institucionais), un elemento indispensábel para actuar con impunidade e seguir coa súa infame conduta.

Fronte a esta deriva de corte neofascista non caben os panos quentes. Non só se pode e se debe actuar dende a fiscalía e os órganos legais e administrativos do Estado contra esas cuadrillas de desalmados e delincuentes políticos; ademais cómpre depurar os distintos organismos estatais e corpos de seguridade de elementos antidemocráticos se non se quere que en pouco tempo a situación se volva incontrolábel. Quizais, as forzas democráticas non deberían agardar demasiado para impulsar, no parlamento español, algunha iniciativa conxunta de saneamento dos aparellos do Estado.

comentarios