Opinión

Eloxio da nación

A celebración do Día da Patria sempre me trae lembranzas daqueles anos do tardofranquismo e da restauración borbónica, coas primeiras mobilizacións nacionalistas en Compostela que se complementaban co xantar de irmandade nas carballeiras de Santo Domingos de Bonaval, Santa Susana ou San Lourenzo. Eran os tempos felices dos anos mozos e do esplendoroso rexurdimento do nacionalismo popular galego, amordazado durante décadas pola escura noite de pedra da ditadura.

Como agora, o máis salientábel daqueles anos heroicos era a mocidade da inmensa maioría dos seus protagonistas, incansábeis organizadores sociais en calquera sector ou recuncho do país. Quen podía ter a ilusión e o entusiasmo necesarios para enfrontarse ao xa decrépito, pero aínda brutal réxime franquista? A pesar da sangría producida polo golpe fascista, con execucións, asasinatos e o exilio forzado dos mellores homes e mulleres do país, a realidade nacional permaneceu durante a ditadura e volveu rexurdir con forza cando se abriron as xanelas da libre expresión.

Era a demostración incontrovertíbel de que o feito nacional galego non obedecía a unha construción artificial, senón a unha realidade sentida por unha gran parte do pobo galego ao longo dos séculos, dende o rei García e Xelmírez, pasando polos heroes do levantamento de 1846 e o Rexurdimento ata a creación das Irmandades e o Partido Galeguista. A nación, como sinalaba Manuel María, é unha necesidade vital de defensa do propio que nace do sentido de pertenza cultural, idiomática e política a iso que denominamos Galiza. E fórmana os que aman este país, cultivan a súa lingua e reivindican o seu dereito a existir como galegos, sen tutelas nin imposicións alleas. 

Unha escolla algunhas veces difícil e complicada, pero imprescindíbel para manter a dignidade individual e colectiva. Que a pesar da brutal dominación secular, da represión violenta en moitas épocas históricas ou simplemente da sutil marxinación dos nosos dereitos a través da relativización do noso idioma e da nosa cultura, do baleirado de competencias das nosas institucións nacionais minadas dende dentro polos sipaios que nos gobernan; que a pesar das numerosas trampas, atrancos e xogo sucio o país aínda resista de forma estoica e sexa incluso quen de rebelarse a cada pouco resulta enormemente esperanzador. Que (incluso) a pesar dos nosos propios erros, do estéril voluntarismo e dos extemporáneos desacordos e conflitos periódicos, a nación permaneza incólume no tempo agardando pacientemente a chegada de tempos mellores é un milagre que só se comprende pola existencia dunha sorte de alma común inmortal quen de se erguer por encima das continxencias e miserias conxunturais como gardiá dun futuro liberador.

Todo iso representa o Día da Patria, sintetizado nesa multitudinaria procesión profana que cada ano se despraza polas rúas e prazas de Compostela, unha Santa Compaña de vivos e mortos, formada polas xeracións actuais que miran ao futuro, acompañadas polas almas dos antigos heroes e devanceiros que constitúen o noso legado histórico. Esa é a Nación, a sinerxía de pasado, presente e vontade de futuro.

Comentarios