Opinión

Eloxio da lareira

Chegou o inverno e con el o frío, a brétema, as xeadas, a neve, a chuvia e o vento. Pero o tempo desapracíbel ten o seu contrafío na intelixencia creativa do ser humano, que soubo transformar a adversidade do setentrión nunha oportunidade única para o corpo e para o espírito. Quen non fica embelesado observando a néboa subir paseniñamente pola ladeira ata cubrir todo o horizonte, iniciándonos no misterio da inverneira. Ou sorprendernos coas caprichosas figuras debuxadas pola xeada nocturna sobre as espidas árbores, corredoiras e ancestrais estremeiras. Quen se pode negar a saudar a continuidade do ciclo hidrolóxico, coa chegada das chuvias e da poalleira invernal, alimento nutricio de mananciais e acuíferos subterráneos. Non podemos permitirnos deixar pasar a estación da brétema sen gozar dunha natureza que se prepara con parsimonia para a resurrección primaveral, para o ciclo da vida. Claro que, non fariamos loas das adversidades climáticas se nos encontrásemos no mar aberto en medio dun temporal e co barco á deriva; perdidos nunha montaña nevada, lonxe da civilización ou á intemperie debaixo dunha ponte. Sen dúbida, a poética da invernía sería diferente se non soubésemos que a súa inclemente dureza é só circunstancial e reversíbel.

Pero incluso nos momentos dramáticos, ese período bretemoso, que comeza coas antigas saturnais e se estende máis alá das transgresoras festas de Luperco, ten a virtualidade de agasallarnos co goce da vida doméstica ao amparo dos benéficos lares, fieis gardiáns do dominio privado fronte a estraños e malos fados. Na Galiza, un pobo amante das tradicións ao tempo que enormemente práctico, preferiu transformar o antigo lararium, o altar sagrado das deidades domésticas romanas, na ara prometeica do lume liberador, verdadeiro centro iniciático da casa galega aldeá e do pazo fidalgo. 

Foi na lareira primordial onde se crearon os alimentos dos deuses. A fórmula maxistral do farturento cocido; madurado no pote sobre o lume sagrado do lar co mesmo celo que o alquimista procura a pedra filosofal. Ou a longaínza asada entre as acesas brasas de carballo pingando o prebe nutricio sobre o pan de centeo, instantáneo elixir reparador de calquera adversidade meteorolóxica invernal. Poderiamos seguir citando, durante horas, as variadas viandas preparadas á calor dese milagroso factótum doméstico.

Emporiso, a lareira é moito máis que o artefacto reparador do corpo, onde se preparan os alimentos e se quentan os seus moradores. É tamén, e quizais esencialmente, o lugar primordial onde a alma creadora do pobo galego forxou a súa tradición oral máis enxebre, o seu imaxinario mitolóxico, máxico e fantástico, na tradición deses contos á luz do candil que nos narraban as nosas aboas e nos deixou Fole. Polas lareiras, dende Ortegal ao Miño, andan ceibos os biosbardos, o lobishome, o trasgo e a Santa Compaña, e toda a pléiade de lendas e contos que o fértil caletre dos nosos devanceiros creou ao longo das noites dos séculos. Sen as confidencias e as historias extraordinarias ao apracíbel calor da lareira non existiría unha das facetas fundamentais da alma cultural galega.

Comentarios