Opinión

Eleccións e ideoloxía

As eleccións municipais do pasado domingo puxeron de manifesto a debilidade da esquerda española no Estado en claro contraste coa fortaleza e liderado das forzas nacionalistas, especialmente en Euskadi e Catalunya. O resultado positivo alcanza tamén a Galiza cun incremento de representación e apoios electorais para os nacionalistas do BNG. Máis alá dalgunhas observacións críticas que poidan facerse ás súas políticas e de que non todas as forzas nacionalistas sinaladas son de esquerdas, porén, posúen un denominador común que é o compromiso co seu país e iso implica que todas elas teñen como prioridade a defensa dos dereitos nacionais e dos intereses económicos das maiorías sociais de cada nación (cos matices que se queiran). Este binomio, ademais da imprescindíbel boa xestión dos recursos municipais, resulta esencial para a cohesión socio-política e explica en gran medida os éxitos sinalados.

Non se pode dicir o mesmo de boa parte da esquerda española, tanto da sistémica como da outra, en cuestións relacionadas coa defensa da economía real ou o combate dos privilexios da oligarquía. De forma lamentábel, a defensa dos intereses das maiorías sociais, agoniadas por chegaren a fin de mes por culpa da precariedade e dos baixos salarios, parece máis ben unha pose que un auténtico compromiso. Algúns pensan que é mellor dedicarse a cuestións colaterais, propiciando (inconscientemente?) a fragmentación social. Unha conduta irresponsábel, neglixente e inmatura que ten a virtualidade de deixarlle o campo libre á dereita e extrema dereita para que completen a cerimonia da confusión e se fagan co control político da sociedade.

Os socialistas españois e o progresismo guai seguen o camiño da socialdemocracia europea, cada vez máis afastados da defensa dos dereitos reais dos traballadores, encantados co seu papel de facilitadores e executores das políticas-ficción do Foro de Davos. Pérdense en accións dubidosas de tipo cosmético que nada resolven, como en levar adiante unha política pseudo-ambientalista contraria aos intereses dos pequenos e medianos agricultores e da economía social. Ou facilitando a entrada de produtos enerxéticos ianquis a prezos desorbitados (máis inflación) destruíndo o tecido produtivo europeo. É posíbel que non se decaten de que as súas accións políticas contribúen a ensanchar cada vez máis a desigualdade socio-económica entre as clases traballadoras-autónomos e as elites do 1%? Iso explica moi ben o avance das dereitas.

O outro chanzo na ofensiva da dereita é o monopolio informativo. Xa non hai grandes medios aos que recorrer para dispor dunha información veraz e alternativa á corrente dominante. Os medios públicos, noutrora útiles para contrastar opinións diversas hoxe están adheridos á filosofía do pensamento único. Outra ferramenta que o PSOE e os seus socios deixaron en mans dos neo-conservadores en aras dunha falsa independencia corporativa dos xornalistas. Como é posíbel tanta estupidez?

O infantilismo e a fragmentación política completan un panorama que actúa como un cabalo de Troia en beneficio do establishment. En fin, quédanos o nacionalismo e o Sur Global.

Comentarios