Opinión

Egh que!

Un xa non sabe que facer con tanto sobrado (adx.), pedante e meapilas da España eterna. Para desgraza da información obxectiva e contrastada, algunhas cadeas de televisión, nestes momentos de “tribulación existencial”, empéñanse en traer rancios “oráculos” a pontificar sobre o divino e o humano en horas de máxima audiencia. Como o populista Revilla ou o empalagoso Bono, solemnizando o obvio e dando por sentado que a súa opinión representa á maioría social (española). Moi berlanguiano. Hai uns días tiven a ocasión de escoitar a Bono e debo recoñecer que non me defraudou; supérase a si mesmo cada vez que lle poñen unha cámara de TV diante. O locuaz ex ministro acabou chegando case ao éxtase e, nun estado próximo á levitación místico-televisiva, apenas escoitaba os requirimentos do sufrido presentador pregándolle brevidade.

O ex presidente do Congreso, un narcisista compulsivo, máis que opinar o que fai é crear unha realidade paralela, só existente no seu maxín. Mergullado nun fáustico proceso de metamorfose corporal (ao estilo de Benjamin Button), cre que todo o que sae da súa boca se converte de forma automática nunha verdade universal. Así, solta xoias como aquela de que (cando era marxista (!)) nunha viaxe que fixo á antiga URSS comprobou que non había hospitais nin universidades; vaia, que as catro veces máis camas e médicos de que dispuñan os soviéticos por habitante sobre EE.UU. esfumáranse de repente, e a primeira estación espacial da humanidade construírana os rusos cunha navalla e un tirapedras. Pero non contento con esa boutade, Bono elevou o listón e sentenciou —sen o máis mínimo rubor— que o tributo das grandes fortunas, ademais de radical, era unha mera pose estética, “porque (os moi ricos) teñen sistemas, sociedades, paraísos, lugares, para non pagalo”. Ao tempo, evitou dar algunha alternativa ou condenar esa práctica inmoral. Cabe preguntarse se a extensa descrición semántica de Bono para referirse aos métodos de ocultación empregados polos mega-ricos non sería un lapsus línguae freudiano. Poderiamos aceptar que ese tributo é insuficiente para que os que gañan moito paguen o que deben, pero o que xa é o súmmum da arrogancia máis estulta (para alguén que se di esquerdas) é suxerir que esa práctica ilegal e fraudulenta non debe ser unha preocupación básica do goberno. Para Bono, a fuga de capitais a paraísos fiscais é pouco menos que unha decisión razoábel (onde vai ir o diñeiro non declarado ou ilexítimo?).

O problema é que esa forma de pensar é maioritaria no PSOE. Teñen interiorizado que ao gran capital non se lle pode incomodar, “porque son os grandes creadores de emprego e riqueza”. Esquecen que os traballadores (co traballo manual, e os seus coñecementos técnicos e científicos), xunto co resto da sociedade, son imprescindíbeis para o éxito da actividade empresarial e a viabilidade de calquera proxecto social. Por tanto, todos teñen a obriga de tributar de acordo cos seus ingresos, e o goberno de garantilo e de impedir que ninguén oculte o seu capital en paraísos fiscais ou con outra artimaña delituosa. Pero isto a Bono resúltalle incomprensíbel. Egh que!

Comentarios