Opinión

División na metrópole

O mundo da anglosfera está en ebulición, observando como o século (norte)americano está camiño de acabar de forma moi diferente ao que pensaban os seus mentores. Saben —o establishment imperial e a intelectualidade consciente— que estamos asistindo ao comezo dunha nova época. Os primeiros, coma sempre, intentando que os cambios de vertixe que se suceden sen parar (en gran medida provocados por eles) lles favorezan sen ficar engulidos no intento, e os outros intentando explicar que ocorre e advertindo da catástrofe.

A portada deste mes da prestixiosa revista norteamericana Harper’s diagnostica sen ambaxes a final do século americano (imperial), e nun amplo artigo no interior (Imperio burlesco) revela que en Washington hai dous bloques en guerra aberta: os globalistas (denominados internacionalistas liberais), que insisten no mantemento da primacía "armada" de EUA, sen cambios na liña principal, e os moderados que esixen unha reformulación "fundamental" da política exterior, afastada do militarismo e defendendo "formas pacíficas de compromiso internacional". Como acabará este "debate" non está claro. En calquera caso, o articulista de Harper’s, aliñándose cos moderados, sinala que EUA debe "tomar en serio os desastres das últimas décadas e abandonar a arrogancia que causou tanto sufrimento no mundo", reivindicando o pensamento antiintervencionista de G. Washington.

En Consortium News coinciden con Harper’s e sinalan que "os (países) son demasiado diferentes (...) para ser postos baixo unha forma (imperial) de goberno ou un sistema peculiar de organización económica".

Abondando sobre esta cuestión e a Guerra do Leste o coñecido o xornalista australo-británico John Pilger denuncia a dexeneración dos media occidentais afirmando: "Nunca vin unha cobertura tan mergullada por completo nun tsunami de xingoísmo manipulador coma este". Jingoism é o termo empregado no Reino Unido para designar o militarismo expansionista do Imperio Británico e a súa consecuente política exterior agresiva, manipuladora e intervencionista. Como di Alastair Crooke, Occidente é refén do seu triunfalismo desenfreado e, en consecuencia, reconsiderar o seu fracaso político-militar na Ucraína resúltalle indixeríbel.

Por último, o economista Michael Hudson titulou a súa recente conferencia na Universidade Global da China cun suxestivo A fin da civilización occidental: por que carece de resiliencia e que ocupará o seu lugar. Hudson sinala que "o control oligárquico do goberno foi o distintivo da civilización occidental dende a antigüidade clásica, monopolizando o control da terra e da riqueza, converténdose nunha aristocracia hereditaria" .

Certo é, a oligarquía neoliberal, que basea o seu poder na apropiación sistemática da débeda pública, denomina o seu sistema "democracia" e aos gobernos soberanos "autocracias", un sofisma moi rendíbel ata agora para Occidente. Pero, dende o comezo da Guerra do Leste, ese xogo acabou espertando unha potente resposta internacional do Sur Global ao neoliberalismo depredador, configurando de facto un sistema alternativo de cooperación internacional en imparábel progreso.

Comentarios