Opinión

División na metrópole imperial

A seis meses da sabotaxe, os gasodutos ruso-alemáns Nord Stream I e II volven estar de actualidade. Cal é a novidade? Noticias simultáneas do New York Times e o Die Zeit alemán, citando fontes de intelixencia estadounidenses anónimas e investigacións propias, respectivamente, "revelaron" que a sabotaxe fora cometida por grupos pro-ucraínos. Unha nova sorprendente despois de suxerir en outubro que o ataque era (case seguro) obra dos rusos. Outro intento de eludir a realidade cando diversas investigacións independentes atribuíron a (máis que probábel) autoría da sabotaxe ás forzas especiais estadounidenses e británicas. De pura lóxica, trátase dunha acción militar no Báltico occidental, controladísimo pola OTAN, ademais de resultar congruente coa advertencia de Biden (8 de febreiro de 2022!) de que "non haberá Nord Stream se Rusia invade Ucraína". De 1º da ESO.

Entón, cales serían as razóns desta "revelación" neste momento? 1) neutralizar o escándalo xerado pola denuncia do xornalista Seymur Hersh, que implicaba directamente a Washington na voadura dos gasodutos, 2) máis probabelmente, ir preparando un cambio de posición na Guerra do Leste, ante o esgotamento do exército ucraíno (e os arsenais da OTAN) e os signos de descomposición do goberno Zelenski (con dimisións, disidencias e asasinatos). 
Vexamos. Segundo o NYT, a información facilitada é o suficientemente imprecisa (non se especifican as fontes ou como se obtivo a información), deixando abertas as conclusións definitivas para, no momento oportuno, revelar "a posibilidade de que a operación fose realizada [...] por unha forza delegada con conexións co goberno ucraíno ou os seus servizos de seguridade". Un detalle especialmente interesante, porque esas conclusións (das axencias de intelixencia de EUA) "poderían ter profundas implicacións para a coalición occidental [...] e poderían [...] dificultar que Occidente manteña unha fronte unida en apoio de Ucraína". 

O NYT aclara que "non houbo estadounidenses ou británicos involucrados" na  sabotaxe. Porén, pola boca morre o peixe, a publicación simultánea no diario ianqui e no alemán revelaría algún tipo de coordinación entre os dous países, extremo que quedaría corroborado pola reunión sorpresa (e sen xornalistas) entre Scholz e Biden en Washington catro días antes de que saíse a noticia. Nada, pura coincidencia.

En definitiva, esta montaxe revela unha división crecente en Washington (entre moderados e falcóns) suxerindo que podería estar en marcha a preparación dun distanciamento táctico da OTAN, como saída á inevitábel derrota ucraína. Trataríase de "deixar en evidencia" que os dirixentes ucraínos actúan sen control e forzar o final da guerra, aproveitando o crecente apoio do pobo ucraíno á negociación. Ao tempo, no medio dunha nova grave crise financeira en Wall Street (Silvergate, SVB, Signature Bank...) a afección ao caos non decrece, como demostra o intento de abrir outras frontes anti-rusas en Xeorxia e Moldavia. Porén, case simultaneamente, a China logrou un enorme éxito estratéxico co achegamento histórico entre Irán e Arabia Saudita. Outro golpe diplomático a EEUU.

Comentarios