Opinión

Distopía

No meu libro Xeopolítica, pandemia e poscapitalismo (2021) sinalaba que entre as saídas posíbeis á prolongada crise capitalista neoliberal había unha que denominei "barbarie totalitaria global poscapitalista" que compartiría opcións de futuro con outras dúas: o poscapitalismo civilizado de cooperación internacional e o imperialismo rexional. Facía a observación de que o paradigma final emerxente sería probabelmente unha síntese modulada dos tres modelos, resultante da confrontación entre os distintos axentes do tardocapitalismo e de países e forzas democráticas anti-neoliberais, anti-capitalistas e anti-imperialistas.

Observando a deriva do conflito ucraíno, coa implicación cada vez maior da OTAN, facendo probábel a extensión da guerra ao resto de Europa (xa hai tensións en Polonia, Eslovaquia, Moldavia-Transnistria ou Romanía), a hipotética "barbarie global" podería deixar de ser unha consideración teórica remota para pasar a ser unha posibilidade real próxima, polo menos no continente europeo.

Repasemos un episodio da recente historia occidental. En 2001, despois dos atentados do 11 de setembro, o secretario de Defensa D. Rumsfeld creou no Pentágono a Office of Force Transformation na que colocou á fronte ao almirante A. Cebrowski, un recoñecido estratego ao que se lle encargou deseñar a nova doutrina do establishment político-militar estadounidense. Esta doutrina (desenvolvida por T. P. Barnett) dividía o mundo en dúas rexións. A primeira, formada polos países industrializados, nos que incluía todo o Occidente político máis Rusia e a China. A segunda, formábaa o resto do mundo, co matiz (nada secundario) de que tamén incluía países europeos (antiga Iugoslavia, Albania, Sur de Ucraína, parte de Hungría, Moldavia, Romanía, Bulgaria, norte de Grecia e Turquía), a maioría da OTAN.

A base argumental dese maquiavélico plan era moi simple. O proxecto neoliberal estaba chegando á súa fin e se EUA quería seguir sendo a primeira potencia mundial, debería barbarizar (con guerras sen fin e terrorismo) os países da 2ª rexión. Iso permitiría o acceso barato aos seus recursos naturais, ademais de controlar os países da 1ª rexión coa ameaza do seu poderío económico-financeiro e militar. Para EUA só hai vasalos ou inimigos. Desta maneira, a anglosfera garantiría o control do planeta. Unha posta ao día da doutrina imperial do británico Mackinder publicada cen anos antes.

Coa guerra de Ucraína, parece que a doutrina Cebrowski está sufrindo un novo axuste, incluíndo na 2ª rexión unha parte considerábel de Europa como zona de barbarie na que a guerra e o terrorismo serían a realidade cotiá. Os servizos de intelixencia barallan un éxodo ucraíno de ata dez millóns de refuxiados nos próximos meses, cunha avalancha de neonazis e grupos criminais afeitos a utilizar a violencia armada para resolver os seus problemas. As condicións para a aplicación da doutrina Cebrowski-Biden en Europa estaría servida. Coa UE fóra dos circuítos do comercio pacífico a hexemonía anglo-norteamericana estaría asegurada durante unhas décadas máis, á marxe do trunfo de Rusia na Ucraína. Ciencia ficción? Depende de Europa.

Comentarios