Opinión

Disonancia cognitiva

Anda a mainstream, con toda a súa cohorte de mercenarios da pluma (moi ben engraxados co diñeiro do Imperio), proclamando o "éxito" da "contraofensiva" do exército ucraíno (dirixido abertamente por asesores de alto rango da OTAN) en Khárkiv. Síntoo, non hai tal.

Este conto nin sequera convence a unha parte dos aliados da OTAN e, menos aínda, aos seus expertos militares que se decatan de que máis alá de poñer a carne de canón ucraína ao alcance da trituradora militar rusa, non se conseguiu nada substancial. Si, entraron nalgunhas localidades sen interese estratéxico, previamente abandonadas polo exército ruso nunha clara manobra de distracción para sacar as tropas ucraínas dos seus agochos fortificados (a inutilidade dos milleiros de baixas militares ucraínas é incluso admitida por varios medios franceses e americanos). Con sordina, do que xa se está falando (na UE) é do futuro "reparto" da Ucraína. En definitiva, trátase dunha simple operación psicolóxica (PsyOp, na nomenclatura militar ianqui).

A única rendibilidade táctica para a OTAN desta operación foi a oportunidade de fabricar unha nova PsyOp de grande impacto: segundo Zelenski, un masacre de 440 persoas cometido polos rusos na localidade de Izium. Unha mensaxe repetida pola maioría dos medios occidentais. Reuters sinalaba que unha parte dos corpos foron vítimas de combates con artillaría e ataques aéreos, insinuando que o resto eran civís asasinados polo exército ruso. Porén, a zona foi identificada como un cemiterio militar nun vídeo publicado o pasado mes de maio onde se ven a soldados rusos e persoal civil con brazaletes da Cruz Vermella enterrando corpos de soldados falecidos porque Ucraína se negaba a recoller os seus militares mortos en batalla. Ante a notoria inconsistencia da montaxe, Reuters decidiu retirar o texto da noticia mantendo só o titular facilitado por Zelenski.

Abondando sobre esta PsyOp, o Telegraph, admitiu que non viu ningunha evidencia de masacre de civís en Izium, recollendo incluso declaracións de veciños que sinalaron que durante a ocupación rusa non observaran "detencións, execucións ou torturas". Dá igual, o bulo seguiu o seu curso e moitos medios, incluídos El País ou as TV española e galega, proclaman o "masacre" urbi et orbi.

Non obstante, o realmente importante está sucedendo noutros ámbitos. O último cume da Organización de Cooperación de Shanghai (OCS) en Samarcanda serviu para certificar a súa fortaleza (a integración de Irán e a presenza de novos observadores é unha proba irrefutábel) e unha robusta relación entre os principais socios (Rusia, China e India), como testemuña a xuntanza ruso-chinesa de alto nivel desta semana onde se acordou ampliar a cooperación militar estratéxica. Todo isto importuna á OTAN, por iso as aparicións periódicas de conflitos fronteirizos na Asia pos-soviética azuados polo narcotráfico e o MI-6. A outra cuestión relevante son os procesos en marcha de adhesión a Rusia (por referendo) das repúblicas do leste ucraíno. A partir da súa hipotética integración a denominada Operación Especial sufrirá un cambio radical do que falaremos proximamente.

Comentarios