Opinión

Dieta británica global

Chatham House,(CH) o think tank máis influínte da coroa británica, deu a coñecer no mes de febreiro pasado un extenso documento que titulou “Impactos do sistema alimentario sobre a perda da biodiversidade”. Non se trata dunha reflexión teórica, senón dunha guía de actuación para diferentes eventos internacionais promovidos pola ONU, ata o punto de que se indica a axenda de cumios e conferencias medioambientais a desenvolver entre febreiro e decembro de 2021, sinalándolles os asuntos a tratar e os acordos que deberían derivarse dende a óptica inglesa. Tendo en conta a sintonía actual en políticas medioambientais entre o Reino Unido, a Administración Biden e a UE, esas indicacións poderían, con moita probabilidade, saír adiante traducidas en liñas de crédito do FMI e do BM, con cláusulas, obxectivos e penalizacións para facelas cumprir.

A estratexia que se deriva do documento citado é a modificación drástica dos “patróns dietéticos globais” ata situalos nunha vía de manufactura vexetariana, disque co obxecto de manter a biodiversidade do planeta. Os británicos suxiren que se debe aproveitar a aceptación social do intervencionismo dos gobernos sobre a vida privada a causa da Covid-19 para modificar o modelo alimentario actual de “alimentos baratos” inclinando a produción cara a “agricultura ecolóxica” (máis cara e complexa). O resultado final sería a redución drástica da produción e o consumo de alimentos de orixe animal en todo planeta liberando as terras dedicadas a cultivos alimentarios para “reservas naturais”. A razón “científica” desta decisión, segundo CH, xustificaríase (ademais do cambio climático) en que moita da letalidade da Covid se produciría en sectores de poboación “mal nutridos”, uns 3.000 millóns en todo o planeta. Nesta masa malnutrida estarían incluídos os desnutridos e os obesos. Non obstante, un informe recente da Federación Mundial da Obesidade revela que a Covid causou dez veces máis mortalidade nas persoas con exceso de peso e obesidade que no resto da poboación. E, curiosamente, entre os países máis afectados pola obesidade figuran en primeiro lugar o Reino Unido, EUA e outros países occidentais, fronte ao resto do planeta. 

A inmensa maioría dos mencionados 3.000 millóns son habitantes mal alimentados de países pobres nos que a letalidade pola Covid (máis reducida que en occidente) é máis consecuencia da pobreza extrema e dunha pésima sanidade que doutra cousa. Entón, cal é o obxectivo perseguido por CH? En realidade, con esa política os países pobres terían que pagar máis por alimentarse condenándoos a unha sorte incerta (máis débeda impagábel). Todo indica que os neomalthusianos ingleses queren conseguir dous obxectivos simultáneos: impoñerlle ao planeta (a través do FMI e BM) unha dieta máis cara, que moitos países e persoas non van poder pagar, obrigándolles de facto a pasar fame (máis mortes e enfermidades) e, de paso, financiar a “dieta occidental”, acelerando o proceso de acumulación dos banqueiros internacionais. Orwelliano. Describo en detalle a estratexia británica ambientalista no meu libro Xeopolítica, pandemia e poscapitalismo.

Comentarios