Opinión

Desconcerto en Davos

O pasado mes de abril Nathaniel Rothschild, da poderosa rama británica de financeiros internacionais, cun pasado escravista e mergullada en todos os negocios legais e ilegais que poidamos imaxinarnos (banca, drogas, armas, diamantes, ouro, enerxía, comunicación, etc.), lanzou unha forte diatriba contra Putin esixíndolle ao goberno británico que tomase medidas para impedir o control de Ucraína por Rusia. De forma específica, sinalou: "o feito de que hoxe nos neguemos a emprender accións militares significa que 'o noso proxecto global' está morto. Insto a despregar máis forzas (?) contra Rusia e intensificar a guerra de información para 'corrixir a opinión pública' e enviar armas aos nosos amigos de Ucraína. Sen Ucraína a orde mundial podería non sobrevivir". Diáfano.

Esta declaración, tremendamente agresiva, é sintomática do temor e desconcerto que aniña nas elites mundiais de Occidente, que contempla como os plans trazados por Klaus Schwab, o presidente vitalicio do Foro Económico Mundial, entre eles "O Gran Reinicio" para o relanzamento neoliberal en plan duro, están en situación de morte cerebral por causa da Guerra do Leste e a paulatina consolidación do poder ruso na zona oriental de Ucraína, ademais de lamentarse da alianza cada vez máis estreita entre Rusia e a China.

Aínda é máis sorprendente a intervención do veterano Henry Kissinger nese foro do capitalismo mundial. O ex secretario de Estado de EUA advirte contra a intensificación da guerra na Ucraína, non por cuestións morais ou de amor aos ucraínos, senón porque as medidas acordadas e aplicadas por Occidente están fracasando estrepitosamente. Kissinger aprema aos dirixentes da OTAN para (que lle ordenen a Zelensky) comezar as negociacións cos rusos en serio (en dous meses debería haber resultados) antes de que se "xeren trastornos e tensións que non se poidan superar", afirmando que Ucraína debe ser un país neutral, como esixen os rusos. Sinalou que Rusia foi parte esencial de Europa durante os últimos 400 anos, garantindo o equilibrio europeo en momentos críticos, instando a mirar a longo prazo e evitar unha alianza permanente ruso-chinesa. Inaudito, un tipo profundamente partidario do poder duro parándolle os pés ao militarismo máis agresivo. Que sabe Kissinger?

O ambiente que se respira en Davos é de fracaso. Moitos na UE (cúlpase a Hungría, pero hai máis) non queren máis embargo de petróleo ou gas rusos. O aumento do prezo dos combustíbeis e da alimentación é outro elemento de pánico, controversia e desacordo, sen falar de que a economía rusa está consolidándose, cun rublo máis forte que antes da guerra. Toda a estratexia occidental estase volvendo en contra súa. O experto en economía do Telegraph, Evans-Pritchard advirte de que a coalición occidental contra Rusia estase esborrallando a medida que se intensifica a crise alimentaria e enerxética, ademais de admitir que as sancións xa chegaron ao seu límite sen ningún resultado práctico.

Sen dúbida, unhas reflexións moi pertinentes que demandan algo máis de cordura se non queremos acabar nun Armagedón. Iso, e o naufraxio de Occidente, é o que teme Kissinger.

Comentarios