Opinión

Defensa do monte?

Xestionar unha tempada de alto risco de incendios forestais cun adverso meteorolóxico importante, como ocorreu nas últimas semanas, non é doado. Porén, a dimensión da recente catástrofe ambiental e patrimonial, con máis de trinta mil hectáreas de monte queimadas e ducias de vivendas destruídas, incluso aldeas enteiras como no Courel ou Valdeorras, representa un balance desolador e difícil de xustificar como consecuencia exclusiva da meteoroloxía.

Pola contra, os datos dispoñíbeis indicarían un fallo na cadea de mando e control, dende o Conselleiro/director xeral ata o director de extinción, segundo cada caso e cos seus diferentes niveis de responsabilidade. Difícil facer outro diagnóstico se o sistema contra incendios non foi quen de responder cunha mínima eficacia ás diferentes emerxencias (non foi unha vaga cun número extraordinario de lumes ou puntos de ignición), con motobombas sen utilizar ou aldeas ás que non acode ningunha brigada ou medio aéreo. Outro erro foi a falla de previsión cos lumes procedentes de Portugal, na Raia ourensá, que poderían ser minimizados facendo uso, en tempo e forma, do convenio cos veciños portugueses, ademais de preparar a resposta con antelación despregando os medios necesarios. Consecuencia: un impacto moi grave nalgunhas plantacións vitivinícolas e propiedades da comarca de Verín.

Tamén falla a contratación de persoal (reposición de baixas) e seguen os problemas crónicos coas brigadas municipais, cunha baixada moi importante do número de unidades e con problemas de constitución en moitos concellos, resultando nunha importante redución de medios realmente dispoñíbeis. Ademais, estase incumprindo o acordo da última Comisión de Expertos sobre a selección destas brigadas pola dirección xeral co obxecto de garantir a súa eficacia. É dicir, diminuíron de forma drástica o número de unidades terrestres anti-incendios sen que a calidade/eficacia dos medios restantes compensasen esa redución. Sucede coas brigadas móbiles mencionadas na memoria do Pladiga cando en realidade foron eliminadas hai anos.

A este fallo operativo do sistema hai que engadir as graves fallas en prevención. Isto é aínda máis importante por canto Medio Rural optou por dividir a antiga Dirección Xeral de Montes creando a nova de Defensa do Monte, co obxecto de lograr unha maior efectividade nese ámbito. Coa pasada vaga de lumes hai que admitir que ese obxectivo estratéxico non se cumpriu. Neste sentido, obsérvase un estabelecemento de obxectivos do Pladiga que non parece corresponderse coa realidade. Refírome á ausencia, na práctica, de creación de áreas de protección ou devasas en moitas aldeas con alto risco de incendio, á ausencia de mantemento das captacións de auga, ao incumprimento das tarefas de xestión de biomasa nas franxas de protección de núcleos, etc.

Todo isto, xunto ao abandono masivo de terras cultivábeis, configura un medio rural en gravísimo perigo. O goberno galego debería aproveitar a crítica conxuntura alimentaria internacional para poñer estas terras en produción promovendo a soberanía alimentar, ademais de ser a mellor maneira de defensa dos núcleos rurais.

Comentarios